Prepárase un torneo no que podería mesmo participar unha delegación iraniana, a billardear contra os galegos, alemáns e asturianos que se han xuntar este sábado ás portas do estadio.
Velaquí vén o copia e pega do texto que nos pasan, en exclusiva para Vieiros, os promotores da Liga Nacional de Billarda (LNB), a Asociación O Varal, no que contan o que teñen preparado para este sábado. Mentres a irmandiña xoga en Riazor contra Irán, galegos e iranianos bateranse ás portas do estadio, con billardas e paláns:
Resistencia e Adiante coa Auténtica
Cada minuto, segundo e cada décima, un palanador e palanadora da LNB loita diariamente coa súa actitude na vida e na pista por chegar ao máximo que se pode aspirar neste noso deporte: vestir a camiseta d'A Auténtica. Pois ben, este sábado é o día.
A selección galega de billarda, A Auténtica reunirase na Coruña, ás portas de Riazor, un bocado antes de que a selección galega de fútbol dispute o seu encontro anual contra Irán. Este aberto, que será reivindicativo e festeiro, como as cousas billardeiras, está organizado pola LNB en colaboración co mensual Novas da Galiza e o colectivo Siareiros Galegos. A idea é darlle o palán para levantar o veto imposto nos estadios de fútbol para a billarda, xa que este ano non lle deixaron á Auténtica amosar o que sabe facer en Riazor, durante o descanso do Galiza-Irán.
Dos toxos e silvas de alindar as vacas ao céspede do estadios de fútbol
Cando hai uns anos a LNB invadiu a cidade da Coruña para disputar o I Billarda All Stars da historia, tremeron os alicerces do país enteiro por mor dun furacán de forza até daquela descoñecida que derrubou o mastro invasor que presidía o Orzán. Esa foi a gran carta de presentación mundial dunha revolución xa daquela imparábel.
Este sábado, despois de tanta leria, a selección galega de fútbol enfróntase a Irán nun partido completamente descafeinado pola xestión dos inimigos, pero gran estoupido vai estar na Praza do Almirante Romay, a carón do estadio coruñés, no I Aberto da Auténtica. Para aqueles que queiran participar, as inscricións faranse na propia praza, a partir das 16:00 horas do sábado. Todo o país debe estar a pé de pista facendo varados para meter as billardas en Riazor, o prado no que tiñamos que estar e pese a quen pese logo imos pisar, reivindicando o noso espazo!
Posíbel participación de Irán
Ao parecer, a LNB está a manter contactos coa delegación iraniana, para que unha selección de palanadores do país persa comparta os varados coa Auténtica e así se estabelezan lazos de unión para unha posíbel incursión billardeira en Teherán. E ademais da participación de Irán, están confirmadas as participacións dunha representación de Asturias e outra alemá, seleccións, ámbalas dúas, irmáns da Auténtica na pista, mais tamén compañeiras de lazos infranqueábeis de amizade e loita.