A pista polideportiva de Piyarnu presenciará como a selección galega leva a cabo a defensa do título acadado hai un ano no mesmo escenario.
Este domingo os equipos galego e asturiano disputarán a segunda edición da Copa Cantábrica de Billarda. O escenario será o campo de Piyarnu, pertencente ao concello de Castrillón (Asturias), e o partido comezará ao mediodía. Os convocados polo adestrador galego, coñecido como o Zidane da billarda, sairán de Ribadeo ás 8:30 horas da mañá para chegar con tempo ao lugar do encontro. Despois do mesmo, celebrarase un xantar de irmandade e unha visita á sede do equipo asturiano.
A Auténtica chega a Castrillón como campioa da primeira edición e coa experiencia adquirida dende entón. O equipo de Zidane é, a día de hoxe, unha maquina ben engraxada, tal e como amosou ante a selección alemá o pasado 20 de setembro. Enfronte estará o equipo adestrado por Xosé Pravia, con moitos homes militando na LNB (Liga Nacional de Billarda), que procurarán deixar o trofeo na súa terra.