En exclusiva para Vieiros, "polo constante apoio á nosa loita contra o imperialismo deportivo", O Varal envía unha crónica do intenso internacional da billarda.
Imaxe da selección galega coa I Copa Cantábrica
Indiscutibelmente Fram Folgueira, o novo palanador e debutante na Auténtica, foi o gran protagonista desta espectacular I Copa Cantábrica xa que decidiu cun espectacular match point o destino final da Copa que se disputou este domingo 4 na pista polideportiva de Piyarnu entre Asturias e Galiza.
Despois de empatar a 2 setos nun igualadísimo partido, no seto definitivo e de desempate entre as dúas seleccións de países aínda sen estado, a maior experiencia dos palanadores da Galiza na alta competición fixo desnivelar a balanza a tan só unha carreira para o remate do encontro. E foi cun espectacular golpeo do mozo Fram o que desnivelou a balanza e fixo que a I Copa Cantábrica cruzase a Ponte dos Santos de volta coa expedición Galega de terras asturianas.
Os mellores do partido
Especial mención merece a gran aportación dos debutantes na Selección coma Delfranco. O italo-galego amosouse implacábel e xunto con Daniel, Juán Pico e o campión galego de Varados, o Coruñés David Fontán, dirixidos esplendidamente dende a banda polo tamén debutante coma seleccionador nacional Ismael, O Zidane da Billarda, fixeron xunto con toda a expedición que Galiza acadara a tan desexada I Copa Cantábrica.
Asturias consolídase definitivamente coma un país cun potencial billardeiro espectacular e crecente. A LNB crea, xunto coa Liga Nacional del Lirio, un importantísimo epicentro en Piyarnu, incluso co explícito apoio e interese do Concello de Castrillón por establecer este xogo como algo duradeiro, e tentar realizar máis torneos tanto individuais como entre clubes de billardeiros dos dous países, así como o inicio de contacto con outros colectivos do país veciño para realizar actos conxuntos.
Copa Cantábrica racha moldes e fronteiras coa forza das olas do cantábrico rompendo nas rochas.
Unha pequena mostra do acontecido, tirada da TV da billarda, TELE-Varal: