Velaquí vai a crónica completa do acontecido este domingo en Conxo, enviada pol'O Varal.
Todo o que se diga é pouco. A tormenta billardeira, coma na canción de Dylan, chegou e arrasou Conxo cos golpexos dos palanadores e palanadoras chegados dende as Conferencias NorLeste e NorOeste, dispostos a loitar con todas as forzas posíbeis por facerse cos títulos en xogo na terra batida do campo de fútbol da máis brava parroquia Compostela.
A caricia dunha serpe, chamada barruzo, non impediu que a LNB decidira desafiar a climatoloxía, apostando pola disputa a ceo aberto, desbotando de inicio a posibilidade do resgardo das uralitas. Impresionante a chegada das dúas delegacións, ás 11:30 horas da mañá. Palanadores e palanadoras concentrados, e seareiros preparados para animar até a extenuación, durante unha xornada que, dende primeira hora da mañá, nos tanques-guagua, xa se prevía histórica.
A final feminina
Arrincou a primeira final do play-off para dilucidar a campioa nacional deste deporte que arrinca chantos, cunha maioritaria presenza de palanadoras da Conferencia NorLeste. Mais as dúas únicas aloitadoras do NorOeste, Leticia e Besbe, souberon revolverse perfectamente na area de Conxo, para coarse nas semifinais, pese a quedar apeadas polas palanadoras do NorLeste Geni, Ana e unha espectacular Lola. As tres disputaron unha final que se desfixo nun espectacular cara a cara entre Geni e Lola. Mais, como relatou, co alento entrecortado, A Revista da Galega e O Varal Morse, finalmente foi Ana do NorLeste, a campioa nacional feminina! A palanadora dos Bíteres é a nova campioa galega.
A final por equipos
Comezaba a tensión e a loucura a invadir o estadio de Conxo, non era Viena pero semellaba o preludio da futura final da Eurocopa: Billadeiros Musicais Vs Filloas de Sangue; a experiencia fronte á xuventude extrema, famenta de triunfos. Dende o inicio do partido os Filloas, pese os intentos do seu adestrador, Lois Fontán, de centrar os seus pupilos no taboleiro de terra, semellaban fragmentados polo empurre e a experiencia duns Billardeiros que, minutos a minuto, aumentaban a distancia, facendo inútil a estirada da franquicia do NorOeste. Ao final, pese aos apoios dende a banda duns ruidosos Remourelle Bulls ás novas estrelas do NorOeste, estes nada puideron facer para impedir que os implacábeis Billardeiros Musicais conseguisen o título nacional por equipos.
Chega a paparota
Espectacular xantar a pé de pista, con empanada de polbo e mexillóns, churrasco de xato, para repoñer forzas, a piques de entrar no tramo final da tarde, que ía arrincar cos especialistas de varados, ou tiros directos, desafiando coa forza e precisión as sempre malditas leis da gravidade.
Cobertura da Galega TDT para unha espectacular final na que o público comía materialmente os participantes. Os especialistas podían sentir na caluga o empuxe dun público totalmente entregado á causa. Polo medio, a desconcertante e explosiva aparición, por sorpresa, do cuarteto ítalo-galego de gaitas LNB.
Tres palanadores salvaron a gran criba que supuña unha pista tan lenta, cunha distancia considerábel do punto de golpexo ao varal, e a certa dificultade que impón o levantamento da billarda nun terreo de terra. Lois Fontán, polo NorOeste, e David e Ginés R., polo NorLeste, afrontaron xuntos o sprint final. Finalmente, foi a flamante fichaxe dos Cornería-Team e campión nacional 2005-2006, David, quen se fixo co título nacional da máis espectacular das disciplinas.
A súper final feminina
Ás 17:00 h., cumprindo os horarios establecidos pola LNB, todo estaba preparado para acoller a última das finais deste inesquecíbel play-off nacional 2008. O estadio recibía unha auténtica marabunta de seguidores da billarda, que se acomodaban nas bancadas para ver ás grandes estrelas dun deporte que en Conxo demostrou o seu poderío.
Espectacular, tamén, a chegada da delegación do Sur, que veu entregar o seu alento de apoio a unha revolución xa imparábel en todo o país, e que en Pontevedra e Ourense se espalla xa coa solidez absoluta e infranqueábel do granito de Porriño.
Todos os flashs ollaban cara o posíbel desquite do NorOeste: Serxio, Sak, Lois Fontán e, sobre todo, o campión de Conferencia, Kilo, adoecían por saltar á pista, despois de estar toda a xornada agardando, coma gatos raxados, o intre no que a presa saíra do seu acocho. Zidane, un dos referentes do NorLeste, caía degolado polo empurre dun concentradísimo Sak. E é que, e pese á forza de todos os palanadores finalistas, dúas malladoras de xogo apartaban a moitos. A final: Ginés R. fronte a Markitos, dous mitos deste deporte do NorLeste, enfrontándose, face a face, polo Título Nacional Absoluto.
Mesmo a perfecta matemática alemá de Ginés R. se resentiu ante tanta presión e, sobre todo, ante o xa histórico Remuíño de Markitos, un desconcertante movemento de brazos, antes da saída de cada carreira, que puido ser, xunto co acerto e nervios de ferro do palanador dos Billardeiros Musicais, o que o levou a inscribir o seu nome con letras de ouro no espectacular Trofeo Rotatorio de Campión Nacional Absoluto 2008.
Parabéns a todos o campións e a toda a tribo LNB, porque A Gran Muiñada de Conxo demostrou o impresionante poder e consistencia dunha proposta, a nosa, que fóra dos acabicornamentos institucionais dá prioridade absoluta ás palanadoras e palanadores, que son os únicos e os que máis ordenan nesta vaina. Parabéns, e adiante coa revolución billardeira!!!