Vieiros falou con Moisés Álvarez, promotor da billarda (ou pincha) no sur do país, que conta ter armado un equipo potente para competir en Meaño, na Guagua, o 27 de marzo.
O ano pasado botaba a andar a Conferencia NorOeste da auténtica, e daquela había na Liga Nacional de Billarda dúas conferencias (esta e máis a NorLeste, a primeira delas), con cadansúa competición propia, que se habían ver as caras entre si na finalísima do 18 de maio; o play-off a desenvolver en Compostela.
Mais agora temos conferencia nova. A xente do sur tamén quere darlle á billarda pola súa zona, ou como di Moisés Álvarez, facer unha pincha.
A cousa comezou ao tempo que arrincaba a Liga Nacional de Billarda. Contoullo a Vieiros Moisés Álvarez, un mozo do Piñeiro, unha aldea da parroquia de Sanguiñeda, en Mos.
Vieiros: É certo iso que din de que andades a facer unha conferencia propia os do sur?
Moisés Álvarez: Aínda estamos tentando arrincala, pero hai vontade en distintos puntos do sur, coma Mos, Meaño, Vigo e O Porriño. Daquela, hai 3 ou 4 anos, cando naceu a LNB, puxémonos en contacto cos seus promotores para felicitalos pola iniciativa, e quedamos en ir vendo as posibilidades de traela para o sur.
Danse as circunstancias de que xa se estendeu á Coruña (fala da Conferencia NorOeste, creada o ano pasado e que xa compite esta tempada) e nós andamos traballando nisto. Andamos xuntando xente e pensamos estrearnos tal vez no campionato de Meaño, do 27 de abril; ou nos play-off finais en Compostela. Estamos arranxando todo con vistas a que na tempada que vén, 2008-2009, haxa xa unha Conferencia Sur.
Daquela, xa xogabades á billarda por estas terras?
Nós chamámoslle pincha e xogabamos por tempadas. De pequeno, na miña aldea, xogábase un tempo, non sei por que, á pincha; e logo outro ao trompo, cando tocaba. Eu xoguei toda a vida, e, anos despois falei con xente que seguía xogando en ocasións puntuais, e comezamos a xuntarnos para xogar.
Somos un grupo de xente de vinte a trinta e pico anos e estamos moi emocionados de volver xogar; é estupendo! De feito, eu creo que son da última xeración da miña aldea que xogaba á pincha.
Pero as vosas regras deben de ser ben diferentes das do NorOeste e NorLeste, non é?
Son moi diferentes! Pero imos ir vendo se nos podemos adaptar a eles! Supoño que terminaremos por apostar por ter un estándar. Habemos simplificar! Así podemos dar co nivel no que xogan eles para poder competir nos play-off e noutros torneos.
O primeiro partido serio sería en Meaño, como contas... e, estades listos para chegar e arrasar?
O que estamos é preparándonos e poñéndonos ao día. Eu até fixen o outro día unha pincha para practicar...
No que andamos agora é en organizar todo, vendo que outra xente e outros grupos poderían xuntarse para facer a liga. A semana que vén imos poñer a andar o noso medio de comunicación, o blog da Conferencia Sur, coa esperanza de que se vaia xuntando xente para facer os equipos.