Os datos oficiais recoñecen polo momento 19.500 e 43 mil, respectivamente. As chuvias torrenciais volveron este venres a terras birmanas.
Superviventes do terremoto
En China, os servizos de salvamento estiman que o balance do terremoto de 7,8 graos na escala de Richter que o pasado luns devastou o sudoeste do país podería chegar até os 50 mil mortos, segundo a Oficina de Xestión de Urxencias e Rescate do sismo do Consello de Estado.
Polo momento, a cifra oficial de mortos xa supera os 19.500 na provincia chinesa de Sichuan. Namentres, continúan os labores de rescate aínda que diminúen as probabilidades de atopar máis superviventes entre os refugallos.
Chuvias torrenciais en Birmania
En Birmania, as chuvias torrenciais volven caer no delta do Irrawaddy, a zona máis afectada polo ciclón Nargis que arrasou hai dúas semanas a rexión.
Polo menos, 43 mil persoas morreron e case 28 mil permanecen desaparecidas, aínda que a Cruz Vermella e mais Nacións Unidas calculan que a cifra total podería chegar a 100 mil. Neste senso, o secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon, fixo un chamamento para conseguir unha maior mobilización dos recursos e dos equipos de axuda.