Todos os grupos parlamentarios aprobaron unha proposición de lei que pode ser clave para o despregamento da Policía Galega.
De confirmarse o traspaso, a Garda Civil perdería as súas competencias actuais
As tres forzas políticas con representación no Parlamento aprobaron este martes por unanimidade unha proposición de lei para que o Congreso español dea luz verde á transferencia de Tráfico a Galiza. Os deputados tamén votaron a prol de que sexa o vicepresidente Anxo Quintana o que defenda en Madrid o traspaso. Canda el, no parlamento español estarán o socialista Xaquín Fernández Leiceaga e Xesús Palmou (PPdeG).
De prosperar a proposición do Parlamento, Galiza terá todas as competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguranza viaria. O goberno español só conservaría a facultade para expedir o permiso de conducir e as matriculacións e transferencia dos vehículos.
O consenso parlamentario foi posíbel logo dunhas negociacións que comezaron o pasado outono. Se o executivo estatal confirma a transferencia, as forzas políticas galegas coidan que sería un paso decisivo para o despregamento da Policía Galega, que asumiría a vixianza nas estradas do país.
Por outro lado, este martes incorporouse ao Parlamento o deputado Miguel Anxo Fernández López, do PSdeG. Fernández substitúe pola circunscrición de Lugo a Margarita Pérez Herraiz.