"Se os portugueses o lograron tamén nós podemos", argumentou o director xeral de Tráfico respecto aos déficits na seguridade vial.
Elevada dispersión poboacional, moitos quilómetros de estradas, ausencia de beiras rúas, falla de iluminación, poboación maior que camiña por lugares indebidos, a cuestión dos corredores autonómicos como o do Barbanza e o Salnés... Reparou Francisco Rodríguez en moitas das cuestións que na súa opinión amosan a "especificidade" de Galiza en materia de Tráfico e Seguridade Viaria, e que sosteñen a petición do traspaso das competencias nesta materia. O deputado galego aproveitou para este debate a comparecencia do xefe da DXT, Pere Navarro, na última sesión da Comisión de Seguridade Viaria desta lexislatura no Congreso.
O deputado do BNG remarcou a especificidade de Galiza nesta materia e apuntou ás causas: unha dispersión poboacional tremenda, moitos quilómetros de estradas, ausencia de beiras rúas, falla de iluminación, poboación maior que camiña por lugares indebidos, a cuestión dos corredores autonómicos como o do Barbanza e o Salnés. "A nivel estatal os accidentes mortais aumentaron lixeiramente no 2007 respeito ao 2006, pero hai un descenso respeito ao 2003. Pero na Galiza, os accidentes con vítimas mortais aumentaron un 19% no 2007 fronte ao 2006 e un 22% fronte ao 2003", laiouse Rodríguez, cualificando de "especie de sucedáneo" o plan especial de seguridade viaria anunciado para Galiza e insistindo en que "tanto a Garda Civil como a policía local están desexando que se efectivice o traspaso".