A asociación de gardas civís apoia a transferencia de competencias a Galiza sempre que se reoloquen os axentes actuais no novo corpo.
Unha das asociacións maioritarias da Garda Civil en Galiza, a Unión de Gardas Civís, mostrou este mércores o seu apoio a que a futura Policía Galega asuma as competencias plenas en materia de seguridades vial. Porén, a UGC condiciona a súa postura a que se incorporen ao novo corpo policial os actuais axentes da Garda Civil de Tráfico. Dende a UGC critican a xestión que fai o goberno español en materia de Tráfico e como exemplo puxeron os malos datos en canto a sinistralidade viaria que se dan en Galiza. O colectivo defende a necesidade de políticas específicas pensadas para o noso país nesta materia.
O presidente da asociación, Manuel Mato, defendeu a necesidade de “aproveitar a experiencia e formación” dos 900 axentes da Garda Civil de Tráfico que están destinados no noso país, que segundo explicou son galegos ou xa teñen lazos familiares en Galiza. Dende a UGC estiman que para un correcto funcionamento do servizo son precisos 1.200 axentes.
Críticas ao alcalde de Lalín
Os responsábeis da UGC aproveitaron a conferencia de prensa para censurar a actitude do alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Dende a asociación coidan que o rexedor lalinense criticou hai poucas semanas o traballo dos axentes de Tráfico por unha cuestión meramente persoal, xa que tanto el coma outro edil do municipio teñen numerosas denuncias por falar co móbil.