Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REPROBACIÓN DE MAGDALENA ÁLVAREZ

Quintana forza a transferencia de Tráfico a cambio da cabeza da ministra

Zapatero telefonou ao vicepresidente galego horas antes da votación e comprometeuse a desbloquear, con datas concretas, as negociacións sobre competencias.

R.V. - 14:17 28/11/2007
Magdalena Ávarez

Magdalena Ávarez

A ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, salvou a cabeza no último momento. Horas antes do pleno no Congreso os teléfonos non paraban de bruar. Finalmente, foron 173 os deputados que apoiaron á ministra e 170 os que pediron o seu cesamento. Dous dos votos máis disputados foron os do BNG. Os nacionalistas venderon caro o seu apoio e non desvelaron até o último momento o sentido do seu voto.

As frenéticas negociacións comezaron o mesmo martes. A media mañá, o presidente español, José Luís Rodríguez Zapatero, ordenoulle ao secretario de Estado de Relacións coas Cortes, Francisco Caamaño, que se puxeran en contacto co líder dos nacionalistas galegos, Anxo Quintana, para lograr o apoio dos dous deputados en Madrid. Durante as negociacións incluso houbo unha pequena conversa telefónica entre Zapatero e Quintana. Pouco despois, o voceiro nacionalista no Congreso, Francisco Rodríguez, comezaba a negociar as condicións do voto a favor da ministra.

Fontes nacionalistas aseguráronlle a Vieiros que o acordo é moi beneficioso para o país. O primeiro paso adiante refírese ás competencias de Tráfico (que asumiría a Policía Autonómica). O goberno español comprometeuse a desbloquear a situación actual. De feito, o vindeiro día 3 de decembro vai haber unha comisión no Parlamento de Galiza para consensuar entre os tres grupos as condicións das transferencias.

O segundo punto acordado é unha reunión en Moncloa entre José Luís Rodríguez Zapatero e Anxo Quintana que tería que celebrarse antes do 15 de decembro. Na mesma poranse enriba da mesa outras transferencias que están bloqueadas como é a de Salvamento Marítimo, a de Inspección de Traballo ou as competencias en arquivos históricos e museos que aínda son de titularidade estatal.

Tamén se apalabrou a sinatura dun segundo convenio co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais antes do 15 de xaneiro. Este acordo suporá un ingreso de 53 millóns de euros, en concepto de débeda histórica, para artellar os servizos galegos de benestar. Por último, o goberno español comprométese a ceder o número telefónico 065 (de titularidade estatal) para o servizo de transporte adaptado que vai pór en marcha Vicepresidencia.

Magdalena, a ficha para volver á primeira liña política

O BNG atopou unha ficha extraordinaria para xogar na política estatal. Dende a propia organización frontista subliñan que a reprobación de Magdalena Álvarez serviu para “centrar a Galiza na política estatal e que os cidadáns vexan que a presenza do Bloque en Madrid é moi útil para o país”. Na casa nacionalista coidan que a ministra é unha política “nefasta” que está “acabada politicamente” por iso engaden que “nós con reprobala non conseguiamos nada e apoiándoa, conseguimos desbloquear competencias importantes para o noso autogoberno”

Pero máis aló do importante paso adiante dado en materia de competencias, a xogada tamén ten un claro fondo político, máis se se pensa que faltan menos de catro meses para as eleccións estatais. O BNG esforzouse por manter a Anxo Quintana en primeira liña de relación co Estado. Porén, o vicepresidente amosou o seu desgusto polas constantes trabas á hora de conseguir transferencias. Dende a organización frontista coidan que o propio PSdeG non estaba demasiado interesado en que prosperaran as xestións de Quintana. Cabe lembrar que aínda hai poucas semanas os socialistas galegos aseguraban que competencias como a de Tráfico non eran prioritarias. Ademais, os socios do bipartito non eran moi partidarios de que se escenificase un encontro entre Zapatero e Quintana. De feito, o presidente español nunca recibiu ao vicepresidente galego como tal, algo que agora terá que facer antes do día 15 de decembro.


4,8/5 (44 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: