Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras ser candidato á Deputación de Lugo

Xosé Manuel Barreiro anuncia estar disposto a traballar dende a oposición

Non descartou ser o futuro voceiro do PPdeG na deputación lucense, a expensas do que decida o seu partido.

Redacción - 19:32 19/06/2007

O voceiro parlamentario do PPdeG e candidato a presidir a Deputación de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, subliñou esta terza que será "coherente" na decisión que adopte sobre o seu futuro político, malia "non estar satisfeito" cos resultados obtidos polo seu partido. "Eu tiña confianza en que iamos sacar maioría absoluta", manifestou.

En resposta aos medios tras a reunión da Xunta de Portavoces, Barreiro dixo que se implicara na campaña das eleccións locais en Lugo, coa confianza de que o PPdeG "obtería a maioría absoluta".

"Se unha virtude teño é a da coherencia, e non deixarei de aplicar este criterio tanto na miña vida persoal, como na miña vida política", subliñou, polo que non descartou ser o futuro voceiro dos populares na deputación lucense, a expensas do que decida o seu partido.

Especulacións sobre a súa marcha

Con anterioridade especulárase coa posibilidade de que Barreiro abandonase a política e volvese ao seu labor como profesor na USC de non conseguir o PPdeG a maioría absoluta na Deputación de Lugo.

Ademais, Barreiro recordou que o partido máis votado foi o seu, polo que non quixo confirmar que vaia ser o socialista Xosé Ramón Besteiro o vindeiro presidente do ente provincial porque, segundo dixo, "aínda seguen as conversacións" e "non hai nada pechado".


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: