Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Confírmase a perda de poder do PPdeG

Constituídos os gobernos municipais sen sorpresas nas principais cidades

Redacción - 17:15 16/06/2007

A maioría dos concellos de Galiza, agás aqueles pendentes de que o TSXG resolva os recursos presentados, contan dende este sábado ao mediodía cunha nova corporación municipal.

Finalmente non houbo sorpresas nas cidades, onde PSdeG e BNG foron fieis ao pacto subscrito polos líderes nacionais. O candidato da lista máis votada dos asinantes do acordo marco foi designado alcalde.

Terceiro mandato de Orozco e Bugallo

En Lugo, o socialista Xosé López Orozco, que inicia o seu terceiro mandato, agradeceulles os concelleiros nacionalistas -que votaron en branco- o cumprimento do pacto. No acto estivo presente o conselleiro de Traballo e secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela.

Outro que recunca por terceira vez e Xosé Sánchez Bugallo en Compostela. Tamén este tivo palabras de cortesía cos que serán de novo os seus socios de goberno, os concelleiros do BNG de Néstor Rego, e cos once representantes da oposición, do PPdeG, a quen invitou a "participar activamente" na gobernabilidade de Santiago.

Sen tenencia única na Coruña

Na Coruña, o xa alcalde Xavier Losada, do PSdeG, prometeu unha coalición co BNG, "leal, participativa e de unidade de actuación". Porén, salientou que "todos os concelleiros dependerán do alcalde", xa que finalmente non haberá unha tenencia única, tal e como se estipulaba no acordo marco, se non nove, das que seis serán para socialistas e tres para nacionalistas.

O candidato do BNG, Henrique Tello sinalou: "Por primeira vez permitiron que o BNG puidese levar a cabo unhas negociacións para formar goberno e chegar a un momento onde a sociedade coruñesa está maioritariamente representada", explicou. "Poder levar adiante por primeira vez un programa, aínda que sexa parcialmente, emocióname porque quero moito á cidade", concluíu.

Baltar, presidente da corporación en Ourense

Unha das curiosidades deste día foi que o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar, tivo que presidir a corporación municipal do concello, ao ser o edil de maior idade. Este encargouse de dirixir o reconto de votos dos novos concelleiros, e de investir ao socialista Francisco Rodríguez como novo alcalde da cidade.

Rodríguez, propuxo na súa investidura estabelecer un "pacto dende o primeiro día" cos cidadáns para "incrementar o peso e a influencia de Ourense en Galiza", mediante a "construción entre todos" dun "grande proxecto colectivo" e dunha "cidade cada vez mellor".

"Fin do vitimismo", en Vigo

O novo alcalde de Vigo, Abel Caballero, elixido cos votos dos concelleiros do seu partido, o PSdeG, e do seu socio de goberno, o BNG, anunciou no seu discurso de investidura que a cidade contará cun goberno de coalición "estábel", e vaticinou a fin do "vitimismo doado e da confrontación". Caballero, manifestou a súa "gratitude infinita" ao PSdeG e ao BNG por permitirlle ser alcalde, o que cualificou como o "fito máis importante" na súa vida política.

Pola súa banda, o candidato do BNG e futuro primeiro tenente de alcalde da cidade, Santiago Domínguez, recordou a necesidade de que os cidadáns vigueses se sintan "gobernados e non mandados", polo que avogou por situar as persoas "no centro da acción municipal".

Entre as anécdotas, cómpre salientar que algúns concelleiros do PPdeG xuraron os seus cargos en español en lugar de facelo en galego, ao igual que o fixo o voceiro do PSdeG, Carlos López Font nunha intervención. Os concelleiros electos do BNG optaron por prometer os seus cargos cunha fórmula propia na que, ademais de comprometerse coas obrigas do seu cargo, manifestar lealdade a El-Rei e ao cumprimento da Constitución, prometeron "atender ás necesidades da cidadanía de Vigo e aos intereses de Galiza".

Irisarri, alcalde de Ferrol co apoio de EU e BNG
O socialista Vicente Irisarri é desde este sábado o novo alcalde de Ferrol, tras un pleno multitudinario de constitución da nova corporación municipal no que se comprometeu a loitar polo desenvolvemento económico da cidade para que ofreza "oportunidades de futuro" e "de emprego estábel e de calidade á mocidade". Para este fin contará con Esquerda Unida como socio de goberno.

Irisarri contou co voto favorábel de todos os membros das agrupacións de esquerdas, que prometeron o seu cargo, mentres que os de PPdeG, que votaron polo seu candidato, Juan Juncal, e os de IF, que se abstiveron, elixiron a fórmula do xuramento. O acto de constitución finalizou no salón de recepcións coa interpretación por parte da Banda de Música ferrolá do Himno Nacional.

O BNG conserva Pontevedra
O nacionalista Miguel Fernández Lores revalidou a alcaldía de Pontevedra, co apoio do PSdeG, malia que a negociación para acadar un pacto de goberno continúa aberta. No seu discurso de toma de posesión, Fernández Lores garantiu unha alcaldía "sólida". "Pontevedra é unha palabra cada vez máis nítida" nos mapas do país" e, neste senso, asegurou que a cidade está "mellor situada que nunca para dar un transcendente salto cualitativo".

Pola súa banda, a voceira socialista, Teresa Casal, aproveitou a súa intervención para afirmar que "o mar é ancho e hai capitáns que prefiren afundir o barco antes de que alguén se lles achegue ao leme". Ademais, engadiu que a estabilidade do goberno de esquerdas "non depende só de nós". Neste senso, augurou un mandato "complicado" e apelou ao aumento de votos obtido polo PSdeG, para "asumir máis responsabilidades" nun hipotético acordo de gobernabilidade.

O cabeza de lista do PPdeG, Telmo Martín, comprometeuse a exercer a oposición "con responsabilidade, sendo leais a Pontevedra e con máis sentido común que ideoloxía". Dirixíndose a Fernández Lores antes da súa investidura, ofreceuse a proporcionarlle "100 días de paz". Porén, criticou que o goberno ten "toda a lexitimidade, pero nace falto de autoridade", en referencia á perda de votos de socialistas e nacionalistas nas pasadas eleccións do 27 de maio.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: