O deputado popular Agustín Baamonde acusou ao primeiro de non ser "leal". Di que é preocupante o descenso no rural e a perda de "visualización do poder".
O deputado do Partido Popular e ex alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, admitiu este xoves que o enfrontamento entre o presidente en funcións da deputación lucense, Francisco Cacharro, e o vicepresidente dos populares, Xosé Manuel Barreiro, influíu no "mal resultado" do PPdeG na provincia de Lugo, que supuxo a perda da institución provincial.
Baamonde considera que a actuación do presidente da institución provincial, non foi "leal" co partido. Porén, matizou que esta non é a única razón dos resultados adversos, e insistiu en que "ese enfrontamento transmitiu á cidadanía algo ao que non estaba afeita a ver".
Descenso no rural
"Antes o PP era un partido monolítico, sen fisuras, e agora transmitiuse a sensación de certa división, e iso non axuda", precisou. Con todo, Baamonde advertiu de que "pode ser que se estea a entrar nun ciclo, que neste caso, non é o máis favorable" para os populares en Galiza, e considerou que é preciso facer "autocrítica".
O que fóra alcalde de Vilalba recoñeceu tamén que "tanto a nivel galego como ao provincial hai algúns datos positivos e outros que non o son tanto". Entre o positivo salientou o ascenso experimentado polo PPdeG nas "grandes urbes", nomeadamente nos concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. Porén, indicou que "é preocupante o descenso no que foi sempre o viveiro de votos do Partido Popular que é o medio rural".
Perda de poder
Tanto no ámbito de Galiza coma no da provincia de Lugo, sinalou que hai unha circunstancia que hai que ter en conta: "as eleccións fanse para conseguir o poder, e hai que recoñecer que a visualización do poder non é favorábel ao PPdeG".
"En Galiza subiu na cidades, mais a imaxe que vai ficar, como consecuencia dos pactos, é que o PPdeG non goberna en ningunha das grandes urbes", lamentou.
Outros factores que enumerou como responsables dos resultados centráronse no relevo xeracional na sociedade galega. "Quen toma a dirección da sociedade civil é unha xeración de xente de 40 anos para baixo que trae outras ideas e maneiras de facer política", comentou. "O PPdeG vai ter que reformularse esta circunstancia. Máis que pedir responsabilidades persoais, cómpre facer autocrítica", sentenciou.