Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

Urbanismo, impostos e lembranza do 14M

O protagonismo para De la Vega en Lugo puxo o ingrediente estatal na campaña. Mentres, Feijoo trata de escapar dese debate. Quintana alertou contra as Marbellas galegas.

Redacción - 09:00 14/05/2007

Coa ausencia de José Luís Rodríguez Zapatero da campaña galega, será a vicepresidenta primeira, María Teresa Fernández De la Vega, a representante máis destacada do PSOE estatal que se implique na campaña dos socialistas en Galiza. Esta fin de semana visitou Lugo para subliñar que o goberno do que forma parte "mantén un compromiso total con Galiza". "O noso compromiso é por riba de todo cos cidadáns, e non todos poden dicir o mesmo, porque outros só queren recuperar o poder custe o que custe, por riba de todo", acusou De la Vega aos populares durante o seu mitin. "En Galiza xa se nota que hai un goberno para os cidadáns", dixo a vicepresidenta, "nunca dá igual quen goberne", advertiulle aos electores asegurando que o investimento do executivo Zapatero en Galiza está un 28% por riba da media estatal.

De la Vega comentou que o PP e desde que perdeu as eleccións o 14M "bate récords e entres anos eles sós conseguiron que o seu líder sexa o peor valorado da historia da democracia". "A xente ten memoria", subliñou denunciando que cando os populares gobernaban "colocaban os seus amigos á fronte das grandes empresas, sen ningún tipo de complexo". A vicepresidenta recomendoulle a Mariano Rajoy que "non saque do baúl dos recordos un manto de moderación" fronte a estes comicios "porque non lle vai valer despois da resposta ofrecida polo seu partido ante calquera política de progreso proposta polos socialistas, que reciben abrindo a boca e anunciando a fin do mundo".

Quintana avisa do "momento crucial" na Mariña
Na súa intervención en Viveiro, o voceiro nacional do BNG advertiulles aos electores do momento "clave" que vive a comarca. "Achéganse tempos incertos, e poden ser positivos ou un total desastre, depende de quen xestione as alcaldías e o urbanismo que se pon en marcha". Anxo Quintana falou da Autovía do Cantábrico como punto de inflexión clave para a zona, pero subliñou que será boa "sempre e cando se planifican as cousas como é debido". "Se non se fan os deberes antes, pode converterse nun factor que redobre a especulación", advertiu.

"Non se pode deixar o raposo coidando das galiñas", afirmou, criticando os escándalos urbanísticos nos concellos veciños de Foz e Barreiros. "A Mariña está nun momento crucial", dixo. "As institucións perténcenlle aos veciños e non aos partidos que as ocupan", comentou Anxo Quintana. O voceiro do Bloque ilustrou os seus comentarios cunha placa conmemorativa do propio Teatro Pastor Díaz onde tiña lugar a súa intervención, reinaugurado en setembro de 2001, sendo presidente da Xunta, Manuel Fraga; ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos; presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro; e alcalde de Viveiro, César Aja. "Un alcalde do PP só serve para poñer o seu nome en placas", criticou.

Feijoo di refugar de "esquerdas e dereitas"
"Os cidadáns non teñen siglas polo que os gobernos non poden telas", afirmou o presidente do PPdeG en Ponteareas, cargando unha vez máis contra os gobernos de coalición, insistindo en que os candidatos do PP cumprirán os seus programas "porque só dependen do pacto cos cidadáns, e non de coalicións con outras formacións". Insistiu en que aló onde o seu partido gañe "non haberá concellos de esquerdas ou de dereitas, senón municipios que aposten pola reforma constante".

A súa intervención centrouse así en defender a capacidade de "xestión" que asegurou teñen os candidatos da súa formación e indicou que os alcaldes "necesitan máis de ideas que de ideoloxías". Ao respecto reiterou a súa promesa de rebaixarlle o IBI ás familias con menos ingresos. "Os impostos non son de esquerdas nin de dereitas, senón que a cuestión realmente importante é querer baixalos", comentou.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: