Os nacionalistas anuncian a apertura de expedientes de expulsión dos responsábeis dos tres primeiros concellos.
O coordinador xeral do BNG, Francisco Jorquera, anunciou este sábado que o seu grupo abrirá expedientes de expulsión aos membros da formación nacionalista nos concellos de Muros, Porto do Son e Corcubión, ante o incumprimento do pacto de goberno municipal asinado entre as direccións nacionais do BNG e do PSdeG, por se negaren a apoiar á lista máis votada, que era a dos socialistas.
Jorquera lamentou o incumprimento do pacto por parte de membros da súa propia formación nestes tres concellos, así como o protagonizado polo PSdeG en Pontecesures, formación que apoiou a unha única edil independente que será a vindeira alcaldesa, tamén co respaldo do PPdeG.
Case unha trintena de alcaldías nacionalistas
"Nunca antes o nacionalismo galego obtivo tantas alcaldías nin participará en tantos gobernos como fará tras estas eleccións municipais. O cambio galego estenderase así aos concellos", engadiu.
Este sábado tomaron posesión alcaldes do BNG nas vilas de Vilasantar, Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, A Bola, Maceda, Arzúa, Sada, Boiro, Carballo, Zas, Mugardos, San Sadurniño, Melide, Teo, Monforte, Mondoñedo, Ribadeo, Riotorto, Pobra do Brollón, Bueu, Tomiño, Salceda de Caselas, Cangas, Moaña, Poio, Gondomar e O Porriño, ademais de na cidade de Pontevedra.
Tamén en Muros e en Corcubión as corporacións municipais elixiron un alcalde do BNG. Porén, a executiva nacional da formación nacionalista renega destas alcaldías e non as contabiliza como propias.