A plataforma antitaurina 'Galicia, mellor sen touradas' promoverá mocións nunha vintena de municipios para que se manifesten en contra.
Foto: pontevedraantitouradas.org
A plataforma antitaurina 'Galicia, mellor sen touradas' vai promover mocións nunha vintena de concellos do país para que se declaren en contra dos festexos taurinos, segundo informou este luns nun comunicado.
A asociación iniciou unha campaña baixo o lema 'Queres que a túa cidade se declare abolicionista?', coa que asesoran persoas e colectivos interesados en impulsar mocións nos municipios en que residen.
As iniciativas populares promoveranse nun primeiro momento nos concellos de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Narón, Noia, Ribadeo, Monforte, Redondela, Fene, Vedra, Arteixo, A Guarda, Boiro, Ribeira e A Pobra do Caramiñal.
'Galicia, mellor sen touradas' sinalou que o debate aberto para a prohibición das corridas de touros en Cataluña animou a asociación a comezar a campaña "para declarar os primeiros concellos antitaurinos" no país.
Datos estatais
Neste senso, salientan que Galiza é un dos territorios do Estado con "menor afección á tauromaquia", segundo un estudo de Gallup de 2002-2006 que reflicte que o 86% dos galegos "rexeitan ou aborrecen" as touradas.
Actualmente, a nivel estatal, hai 74 municipios antitaurinos de diferentes comunidades autónomas (Asturias, Baleares, Cataluña, Euskadi), e "desde hai máis de 16 anos a lexislación de Canarias tampouco permite espectáculo taurino ningún".