En 2008 houbo enfrontamentos entre os socios de goberno por seguir financiando a feira. Este ano a subvención pasou dos 120 mil euros aos 130 mil.
Imaxes da manifestación contra as touradas, que se desenvolveu o ano pasado en Pontevedra / Imaxe: Libera!
A subvención do Concello da Coruña á chamada "Feira Taurina" aumentou este ano un 8,3%, segundo publica o xornal La Opinión. Ao parecer, o goberno local deciciu acrecentar a partida destinada ás touradas, que pasou dos 120 mil euros -que foron os que se entregaron en 2008-, aos 130 mil.
A noticia sóubose cando o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) sacou a concurso a contratación da organización e explotación desta feira por dous anos, no que sinalaba as súas intencións de destinar, como máximo, 130 mil euros cada ano como subvención para o "espectáculo".
O financiamento das touradas xa enfrontara anteriormente a nacionalistas e socialistas
Esta festa, que xa enfrontou o ano pasado os socios de goberno, debía desenvolverse esta ano cunha subvención semellante ás anteriores, segundo declarara o verán pasado o concelleiro de Festas, Carlos González Garcés (PSdeG), encargado da súa continuidade. Naquela altura o BNG enfrontárase ao seu socio de goberno, o PSdeG, criticando duramente que se financiasen as touradas con fondos públicos. Porén, este ano, ademais de seguir co financiamento, este medra en 10 mil euros.