Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Concentración e "concienciación"

Ver sacrificar seis touros: 30 euros; ir protestar a Sarria: non ten prezo

Asociacións e persoas a título individual protestarán esta fin de semana ante a praza móbil contratada por catro hostaleiros da localidade.

Fernando Arrizado - 19:30 27/06/2009
Imaxe da presentación do evento

Imaxe da presentación do evento

Un ano de tregua. Os matadores españois de touros regresan este domingo a Sarria polas festas patronais. En 2008, o empresario local Juan Santos decidiu non asumir máis perdas e renunciou a unha corrida que viña organizando por iniciativa propia e coa colaboración do Concello dende había varios anos.

Os actuais responsábeis municipais (PSdeG-BNG) negáronse hai 12 meses, ao igual que se negan este ano, a pagar as débedas que deixa en Sarria o 'espectáculo' taurino, tradicional en terras españolas e ilegal en varios Estados da Unión Europea. Daquelas non houbo quen financiase os matarifes en traxe de luces.

Mais Ramón Álvarez, do hotel Alfonso IX; José Luis García, da cafetería Santiago; José Manuel Fontal, do hotel Roma; e Juan Luis Díaz, da Casa de Díaz de Samos, decidiron encargarse este ano de que a situación non se volvese repetir, e encargáronse da organización da corrida.

O rejoneador (matador de touros a cabalo) Sergio Vegas, e os toreros (matadores a pé) Canales Rivera e Carlos Collado, coñecido polos seus colegas de oficio como El Niño de la Taurina, son os profesionais en matar touros contratados, A hora do sacrificio -público, previo pago de 30 euros-, será ás 18.30 horas deste domingo.

Concentración e "concienciación"

Varias asociacións e persoas a título individual da comarca de Sarria e da veciña Lugo, amparados pola plataforma Galicia, Mellor sen Touradas, teñen previsto concentrárense dende as 16.00 horas dese día fronte a praza de touros prefabricada, desmontábel e móbil, situada na Outarela (entre o centro de saúde e o hotel Alfonso IX), onde se desenvolverá o sacrificio 'festivo' de media ducia destes animais.

Ignacio Mato e Miguel Fernández, dous dos organizadores da protesta cívica, fixeron un chamamento á participación da cidadanía contra esta e contra calquera outra "expresión festiva que implique malos tratos aos animais". Unha postura que, din, comparte a inmensa maioría da mocidade sarriá.

Segundo destacan Mato e Fernández, a mobilización non quere ser de "confrontamento", senón de "concienciación". Neste senso, repartirán información dende o sábado para informar da verdadeira dimensión desta práctica que os seus seguidores consideran 'festa nacional española'. O obxectivo último é levar a cabo os trámites precisos para que Sarria sexa declarado concello libre de touradas.

Durante a presentación do evento, hai un par de semanas, os catro hostaleiros organizadores estiveron acompañados polo alcalde da vila, Claudio Garrido (PSdeG), e polo presidente da Comisión de festas, Marcos Balboa, que aínda que non achegan cartos si mostraron o seu apoio á iniciativa, que procura "dinamizar máis a vila", segundo argumentaron os empresarios.

Cabalos españois e bailarinas andaluzas

A "dinamización" comeza este sábado ás 18.30 horas cun "grande espectáculo" de doma de cabalos, El duende ecuestre, a cargo do centro El Rebolillo de Burgos, e rematará logo da corrida do domingo cunha suelta de vaquillas (becerras ceibas a correr entre a xente, simulando os San Fermíns de Iruña). Todo isto adubado pola "actuación de cabalos españois que bailarán ao son da música, acompañados de bailarinas andaluzas".

Ademais, o xornal El Progreso de Lugo informou hai uns días de que o Concello de Sarria tiña previsto entregar entradas nos centros escolares durante todo o mes de xuño para a actuación do día 27.

"Unha iniciativa privada", di o concelleiro de Cultura

Xermán Arias López (BNG), concelleiro de Cultura da vila, desmárcase da tourada. Asegura que "é unha iniciativa privada organizada pola súa conta e risco", en referencia aos catro hostaleiros. "No tema da moralidade non me meto porque cada un ten a súa, pero o caso é que a día de hoxe é unha actividade legal e nós non podemos facer nada por prohibila", di.

No entanto, o único edil da formación nacionalista en Sarria, salienta unha mudanza con respecto á xestión municipal da cuestión en tempos pasados: "A diferenza co que se facía anteriormente é que agora se fai sen cartos do Concello ou da Comisión de festas".


5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: