A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas organiza unha concentración para este sábado, a carón da praza de touros portátil contratada para as festas deste municipio.
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denuncia un "novo intento" do Concello de Negreira (A Barcala) e da asociación de festexos da vila de organizar "outro festexo taurino", a pesar, contan "de que en setembro do ano pasado só conseguiron encher a metade do aforo da praza de touros portátil".
Desta volta, o acto, que está organizado para o vindeiro sábado 11 de xullo, e trátase dunha "capea", que en terminoloxía taurina é a lidia de becerros ou xatos, feita por amadores.
Dende a plataforma consideran "moi negativo" que a corporación municipal "non teña en conta os intereses dos veciños e veciñas", e decidan destinar cartos a "maltratar animais, e non á organización dunhas festas aptas para todos os públicos". Ademais, critican que Negreira siga incumprindo a Lei de Protección Animal, ao promover "espectáculos onde seres vivos son torturados".
Por isto, dende a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas convocan a "todas as persoas preocupadas polo maltrato animal" a acudir á unha concentración que organizaron o mesmo sábado 11 de xullo ás 16h00 na Pedra Mámoa, a carón do campo de fútbol de Negreira.
O Concello de Negreira critica que os antitaurinos non denuncien as Rapas das Bestas
Porén, o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente de Negreira, Jorge Tuñas, sinalou que nas capeas organizadas desde 2008 polo concello "non se lle dá morte" a ningún animal. Tamén lembrou que houbo un "intercambio de opinións" entre o concello e a asociación antitaurina, e que se lles garantiu o seu dereito a celebrar a manifestación.
Tuñas tamén manifestou, respecto de Galicia, Mellor Sen Touradas, que "non comprende o distinto modo de tratar aos distintos concellos e eventos", e puxo como exemplo a recente celebración de Rapa das Bestas' en Sabucedo, no municipio da Estrada (Tabeirós-Terras de Montes), onde, ao seu xuízo, "si se deu malos tratos animais" e a plataforma non estivo presente.