Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
"Galicia na rede"

A Xunta promete redeseñar e "racionalizar" a súa presenza na web

O programa presentado por Modernización prevé potenciar os servizos e a participación da cidadanía no portal, mais tamén servir de promoción de Galiza e do Xacobeo.

Redacción - 18:30 30/07/2009

A Xunta de Galicia presentou o novo modelo que vai seguir toda a súa presenza na web. O proxecto, denominado "Galicia na Rede", deuno a coñecer a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica no Consello deste xoves.

A Administración pretende achegarse á cidadanía, polo que considera que o modelo actual, cunha xunta.es demasiado centrada no propio Goberno e unha dispersión de iniciativas na web (máis de 200 portais corporativos), non é válido.

O obxectivo de Galicia na Rede será recuperar a internet como canle de comunicación de referencia, portal de servizos orientados á cidadanía e de acceso á Administración electrónica, e proxectar ao tempo unha imaxe da Xunta e de Galiza no exterior.

Estes cambios supoñen un redeseño da imaxe da web institucional e tamén da súa estrutura de contidos, non polo organigrama do Goberno, senón en función de áreas temáticas ou de "feitos vitais" que simplifiquen atopar os servizos de interese. Promoverase, ademais, a participación cara ao concepto de web 2.0. Isto afectaralles a todas as webs vinculadas á Administración pública.

"Racionalización" de recursos
Así e todo, compatibilizaranse o portal corporativo de referencia con iniciativas das distintas consellarías, aínda que co obxectivo de "racionalizar" os recursos humanos, tecnolóxicos e económicos que fan posíbel a presenza da Xunta na rede.

A nova plataforma, a xestión e a publicación dos contidos faranse mediante software libre. O proxecto poñerase en marcha de xeito gradual. En outubro prevese poñer en marcha unha enquisa á cidadanía para coñecer o perfil das persoas que se achegan á Xunta a través da rede e os servizos que desexa atopar.

Despois desa enquisa, comezarase a reorientar a estrutura, na que xa se anuncia que o Xacobeo terá unha sección importante. Prevese que en xaneiro xa estea lista a nova web institucional, tanto na relación coa cidadanía como de representación de Galiza na internet. Ao longo do vindeiro ano traballarase con cada consellaría para mellorar a prestación de servizos.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: