O consello do grupo francés decidiu botar a Christian Streiff, quen deixará o seu cargo o vindeiro 1 de xuño. No mesmo día, sóubose que a planta de Vigo ha levar 72 millóns do Estado.
A decisión foi tomada por unanimidade e en consideración das "dificultades excepcionais ás que se enfronta a industria automobilística, que impuñan unha mudanza na xestión do grupo", sinala un comunicado enviado pola multinacional francesa.
Christian Streiff, que xa tiña presidido con anterioridade, o xigante aeronáutico Airbus, asumira en febreiro de 2007 a dirección de PSA Peugeot-Citroën, substituíndo a Jean-Martin Folz, e co desafía de sacar adiante o grupo automobilístico francés. O anuncio do relevo prodúcese algo máis dun mes despois de que o grupo anunciase unhas perdas de 343 millóns de euros en 2008, e previse a "saída voluntaria" de máis de 11 mil traballadores en 2009. Porén, e a pesar das malas cifras, o fabricante anunciara que non habería despedimentos, nin se habían pechar fábricas en Francia.
Cambios tamén na dirección da estadounidense General Motors
A súa destitución coñeceuse o mesmo día que o presidente e conselleiro delegado da General Motors (GM), Rick Wagoner, anunciaba a súa decisión de renunciar ao seu posto. A dimisión producise un día antes de que a Administración Obama decida renovar as axudas ao sector, baixo unhas condicións máis estritas, que pasarían por un cambio nas direccións das empresas. Varios medios sinalaban que o cambio podería ter sido forzado pola Casa Branca para que GM poida acceder a cartos públicos.
Axudas do goberno francés
O presidente francés, Nicolas Sarkozy, anunciou este ano un plan de apoio ao sector do automóbil que inclúe axudas directas do Estado por valor de 6.500 millóns de euros, dos que tres mil irán para o grupo PSA. O grupo, anunciara en decembro do ano pasado un plan de saídas voluntarias de 3.550 empregados, ao tempo que o fabricante de compoñentes, Faurecia, do que é accionista o xigante francés, facía o mesmo, cun plan que afecta a 1.215 traballadores en Francia.
Citroën recibe 72 millóns de euros do goberno español para a planta viguesa
Os grupos automobilísticos PSA Peugeot-Citroën, Nissan e Ford conseguiron unha terceira parte das axudas de 800 millóns de euros aprobadas polo goberno español, no marco do Plan de Competitividade da Automoción. As tres empresas suman unha subvención de 263 millóns de euros, segundo sinala a Proposta de Concesión do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Nissan recibe a subvención meirande -103 millóns de euros-; Ford recibirá 83 millóns de euros e PSA Peugeot-Citroën fica con 80 millóns de euros, dos que arredor de 72 corresponden, por enteiro, á factoría situada en Vigo, e os oito restantes á de Madrid. Porén, o responsábel da factoría viguesa, Pierre Ianni, xa anunciara, a pasada semana, que 72 millóns de euros non lle chegaban a nada.
Tamén recibirán axudas a General Motors, Renault, Mercedes, VW, Iveco e Santana. Aínda están pendentes de saber con que cantidade han poder contar as fábricas de Seat.