Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Contradicindo o ministro de Industria

Citroën non descarta un vindeiro ERE na súa planta de Vigo

Os responsábeis do Grupo PSA pronunciáronse sobre o plan de rescate que prepara o goberno español que, segundo din, debería supoñer un "investimento importante".

Redacción - 11:35 11/03/2009
A Avenida Citroën, en Vigo / Flickr: trodriguezontiveros

A Avenida Citroën, en Vigo / Flickr: trodriguezontiveros

A dirección da planta viguesa do grupo PSA Peugeot-Citroën pediu esta terza feira que o apoio, confirmado polo ministro de Industria, Miguel Sebastián se traduza nun "investimento importante".

A factoría viguesa presentou un seu proxecto, que opta ao Plan de Competitividade do Automóbil, creado polo goberno español para sacar a industria automobilística da crise que vive todo o sector. Esta terza feira, a pedimento do BNG, o ministro Sebastián declarara no Congreso español que o plan "ha garantir a continuidade da planta de Vigo, que é a máis competitiva de Europa". Porén, en Citroën non as teñen todas consigo, e poucas horas tardaron en contradicir o ministro, sinalando que, aínda que non hai ERE (Expedientes de Regulación de Emprego) previstos, "tampouco están descartados".

De feito, o director de Comunicación da planta viguesa, Pedro Hortas, amosouse cauto ante o anuncio de Sebastián e precisou que o futuro da fábrica está garantido só "pola competitividade", e que as axudas económicas do goberno español son só "unha ferramenta encamiñada a mellorar esa competitividade". Nesta liña, o voceiro do Grupo PSA Peugeot-Citroën en Vigo dixo que a empresa confía en que as axudas sexan importantes, aínda que recoñecendo que non se sabe "como se van repartir os 800 millóns que euros" que contempla este Plan. En todo caso, dende a planta viguesa tamén lembraron que se até agora non se presentaron outros ERE foi polas medidas de flexibilidade que se introduciron na planta, e volveron demandarlle ao executivo español que concreten canto antes cando van recibir os cartos -que roldarían os 170 millóns de euros, só para Vigo.

Os sindicatos tampouco as teñen todas consigo
Pola súa parte, os representantes sindicais da factoría viguesa acolleron con reticencia o apoio feito público polo titular de industria esta terza feira, e sinalaron que aínda non coñecer ao detalle o plan de rescate da planta, que lles será presentado esta cuarta feira nunha xuntanza coa dirección, na que agardar recibir información sobre "que prazos e que custes contempla". O voceiro da CIG no comité de empresa, Henrique Pérez, sinalou que "é impensábel" o peche da planta viguesa, "dado o lugar que ocupa no grupo", en referencia ás palabras do ministro de Industria, que falaba dunha "continuidade" que dende o seu sindicato ven clara. O representante de UXT, Rubén Pérez, afirmou que o apoio do goberno español "é positivo", porque significa a consolidación "de investimentos e proxectos de futuro", aínda que matizou que "haberá que ver as contías" e como afectan estas mudanzas ao cadro de traballadores. Polo seu lado, Pedro Comesaña, de CCOO, advertiu que os sindicatos "teñen moitos que dicir" sobre o Plan de Competitividade do Automóbil, e sobre os proxectos industriais do sector en Galiza. Alén disto, chamoulle ao ministro "imprudente", por afirmar que a planta non ten previsto un ERE, "cando a propia dirección advertiu que non está descartado".

Que facer co medio cento de operarios que quedan sen traballo?
Por outro lado, os tres sindicatos con representación na factoría viguesa abordarán esta cuarta feira, na xuntanza programada coa dirección, que vai ser cos 500 operarios que quedan sen traballo ao seren marcados pola empresa como "excedentes de man de obra". O que discutirán os sindicalistas será a súa recolocación, e para isto elaboraron un documento no que recollen propostas para reclasificar estes profesionais, co fin de evitar novos despedimentos. Tamén se contemplan medidas de formación e compensacións económicas.

Comeza a actividade, tras semanas de paro
A planta que o Grupo PSA Peugeot-Citroën volveu esta segunda feira 9 de marzo á actividade, após estar varios días parada, para axustar a súa produción ao descenso das vendas. Durante o mes de abril está previsto que a fábrica pare, ademais dos festivos, outros tres días máis. En maio non se prevén axustes, mais en xuño haberá sete días de parada en distintas cadeas de montaxe.


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: