Concorre ao Plan da Automoción cun proxecto cifrado en mil millóns de euros para Vigo, que investiría en catro anos. O ministro aínda non concretou as cantidades da axuda.
O presidente executivo do grupo PSA Peugeot-Citroën en Vigo, Pierre Ianni, presentou esta cuarta feira, ante o Ministerio de Industria o proxecto para a planta galega, co que concorrerá ao concurso do Plan Estatal de Automoción. O investimento previsto neste plan é de mil millóns de euros até o ano 2012, e conta co "apoio total" da Xunta, segundo sinalou o seu presidente, Emilio Pérez Touriño,
Os representantes da multinacional en Galiza explicáronlle a súa iniciativa ao departamento dirixido, en Madrid, por Miguel Sebastián, destacando que non só pretenden "salvar" a planta matriz, senón tamén o sector dos compoñentes, a chamada industria auxiliar que fai parte importante do motor económico da bisbarra viguesa. O plan, que inclúe melloras en competitividade dos automóbiles e o lanzamento de modelos ecoeficientes, vai ter, segundo indicou Ianni, "efectos a medio e longo prazo", mais, ao seu ver, para salvar o sector arestora é preciso "reactivar a venda de coches" de xeito inmediato. O ministro Sebastián, segundo dixo Ianni, amosouse satisfeito co plan, mais aínda non concretou a axuda económica que pode achegar o seu departamento. Neste sentido, Ianni tamén sinalou que Galiza pode estar tranquila, porque o futuro da planta viguesa "está garantido".
Os tres eixos do proxecto de PSA en Galiza
O proxecto industrial para a planta viguesa do grupo PSA Peugeot-Citroën baséase en tres eixos fundamentais: unha aposta polo I+D+i como núcleo central; a introdución de novas tecnoloxías, que traballen polo transporte limpo; e o lanzamento de novos vehículos e novas ofertas de produtos.
O obxectivo final, segundo sinalaron os responsábeis deste plan, é deseñar en Galiza "o automóbil do futuro", mediante a investigación, que permita fabricar un vehículo limpo, con compoñentes máis lixeiros e que contribúan a reducir o consumo a partir de novas fontes de alimentación, aínda por determinar. Podería tratarse dos chamados coches híbridos, que inclúen motor eléctrico e diesel. Hai que lembrar que en Vigo xa se fabricaron automóbiles eléctricos entre 1997 e 2005, que, principalmente, ían destinados a Europa.
O investimento total do plan será asumido, nas súas tres cuartas partes, polas empresas do sector, co grupo PSA Peugeot-Citroën como principal inversor, mentres que o Goberno, a través das verbas do seu presidente, Emilio Pérez Touriño, vai apoiar de xeito "total" o proxecto.
Esta terza feira Touriño mantivo unha xuntanza co director xeral da factoría en Vigo, Pierre Ianni, acompañado dos titulares de Economía -Fernández Antonio-, Industria -Fernando Blanco-, e Traballo -Ricardo Varela, e dixo estar en "contacto permanente" co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e co ministro de Industria, Miguel Sebastián, para conseguir "o maior nivel de apoio e implicación" do executivo estatal ao sector automobilístico en Galiza.