O grupo automobilístico francés vaticinou números vermellos para este ano. En Vigo están a pactar un acordo cos sindicatos evitar máis ERE.
Moreas de automóbiles de Citroën, no porto de Vigo
Os resultados presentados esta cuarta feira por Christian Streiff, director de PSA Peugeot-Citroën, son moito máis graves do agardado. En 2008, o fabricante de automóbiles francés rexistrou unha perda neta de 343 millóns de euros, o que supón unha caída dun 7,4% do volume de negocio. En consecuencia, o grupo prevé a saída de 10 mil a 12 mil empregados, principalmente en Europa, este ano.
A caída dos resultados de PSA é consecuencia do colapso do mercado automobilístico mundial -as súas vendas mundiais baixaron un 4,9%, con 3,26 millóns de unidades-, e da obriga de asumir uns custes extraordinarios de 917 millóns de euros, correspondentes a medidas de reestruturación e previsións por depreciacións dos seus activos. As malas noticias viñeron tamén da súa filial, o provedor de equipos Faurecia. Un aumento de capital de 450 millóns de euros e unha redución de custes de 600 millóns están previstos para tratar de manter a empresa a flote.
Porén, e a pesar do plan de rescate que anunciou a pasada semana a administración de Sarkozy -facilitándolle un crédito de tres mil millóns a esta multinacional e a Renault-, o presidente do grupo admitiu que este 2009 vai ser un ano de perdas para a corporación francesa, xa que os aforros que proporcionarán as medidas de axuste non han chegar para compensar a caída do mercado e os custes de reestruturación.
E en Galiza
En Vigo, o grupo PSA está a pactar cos sindicatos un acordo laboral que evite a apertura de novos ERE. Ninguén ten a certeza de que sea vaia conseguir, mais, tras o anuncio de recortes drásticos por parte da dirección, empresa e comité comezaron a traballar no denominado "Acordo sobre adaptación do marco laboral", que aprobarán esta cuarta feira, sobre a metal final de evitar novos ERE, que todos temen cheguen en primavera, se as caídas das vendas continúan.
Hai que ter en conta que a multinacional anunciou esta terza feira, antes de facer públicos os resultados do ano pasado, que só vai garantir os empregos en Francia, onde ha lanzar 12 novos modelos. Naquela altura, o presidente do grupo anunciara que as perspectivas de mercados son "terríbeis", e que o compromiso da empresa de non realizar despidos -tras recibir o crédito do goberno francés- afectará unicamente as súas fábricas francesas, é dicir, nin palabra das factorías que posúe en Madrid e en Vigo.
"Non asumimos compromisos noutras fábricas do grupo", aclarou Streiff, en declaracións á radio RTL. Na súa opinión, "o importante" é que as decisións adoptadas polo executivo francés, como a prima de mil euros para incentivar a demanda, tiveron "efecto", e o galo é, arestora, o "mellor mercado do mundo" para o grupo PSA.
Para máis información, os xornais franceses: