Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Parte de traballo na Habana (VII)

Inventar e loitar

Dende Cuba, o editor Paco Macías envíanos as crónicas do seu periplo pola Feira Internacional do Libro. Velaquí a última.

Paco Macías - 12:40 27/02/2009

Inventar, buscarlle saída á vida, é o que fan os cubanos todo o día. Diante de calquera dificultade, eles inventan, argallan. Pero a inventiva tamén se esgota, cansa. E cando non inventan, eles loitan. Non é difícil ver que inventar e loitar teñen usos distintos aos nosos. Sobre todo o de loitar.
 
Pois o último día de Feira tamén tivemos que loitar e inventar para deixarmos a infraestrutura material da próxima Feira, andeis, mesas, cadeiras, táboas diversas e almacén de caixas, para deixármolo todo en bo resgardo. Non foi fácil. Pero os nosos xa amigos da Habana adestráronnos a navegar por estas terras. Eu, como yuma ou pepe ou gallego que son, e xa temba (maduro), sei o que esperan de min en calquera trato. O importante é que todo está asegurado para a seguinte Feira.
 
Tamén nos entrevistaron para a radio da Feira.
 
Ao volver ao stand había un representante da Sociedade "Ferrol y su Comarca" cunha carta moi formal na que nos solicitaba que lles doásemos libros, cousa que fixemos de inmediato. O mesmo representante os levou no seu carro. Esta sociedade está no seu centenario, e resulta que en Ferrol non hai noticia. Algunhas das escolas que hai e houbo en Ferrol e Comarca foron construídas con diñeiro destas persoas, sen pediren nada a cambio. Non deberiamos ser tan desmemoriados, nin tan desagradecidos.
 
Veñen moitas persoas a despedirse. Invítannos a actos en Pinar del Río, en Holguín, na Isla de la Juventud, en Santiago de Cuba. Pero debemos regresar a Galicia.
 
Volvemos, con Dania, a falar do inmenso material galego que por aquí hai. Quedo con ela comprometido a lembrarllo ás autoridades galegas saídas das próximas eleccións.
 
Vexo, xa pechando a Feira, unha revista cubana case toda ela dedicada á literatura galega. É a SEMPRE VIVA. Está moi ben feita. Fálase nela de Manuel Rivas e de Vázquez Pintor, de Méndez Ferrín e de Cunqueiro, de María do Cebrerio e de Yolanda Castaño, entre outros. Deberiamos continuar este traballo desde Galicia. Seguro que os froitos serían interesantes a medio prazo.
 
Pola noite, antes de me deitar, vou a un cine grande coma un pazo de deportes, o situado fronte ao Capitolio, a ver a película Los dioses rotos. Tremenda película, como dirían por aquí. Impresionante. Os cubanos pagaron 2 pesos cubanos. Eu non, eu 2 CUC (50 pesos cubanos). Eu protestei, dixen en alto o que pensaba. Houbo un pequeno rebumbio na cola. Unha persoa díxome que así ía entender mellor o filme. E non lle faltaba razón.
 
Vou para a cama coa sensación de que fixemos un traballo axeitado nesta Feira, e pensando nas propostas para próximas edicións.


2,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: