Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Parte de traballo na Habana (III)

ALT+164

Dende Cuba, o editor Paco Macías envíanos as crónicas do seu periplo pola Feira Internacional do Libro. Velaquí a terceira.

Paco Macías - 18:30 18/02/2009

Si, xa sei que non era Calderón, senón Alarcón o nome do presidente do Parlamento cubano. É o que teñen os chistes fáciles.

Chagamos pola mañá ao stand da FIL. E atopamos debaixo da porta o Cañonazo, o xornal diario da Feira, onde Teresa Melo escribiu o que prometera, e onde fala do acerto de estarmos os galegos outra vez na Feira, e menciona os atinados actos programados.

Aparece Enrique Núñez, un dos fundadores da Trova Cubana e que andivo por Galicia hai como uns trece anos tocando polos bares que programan música. Eu recoñecino de velo en Santiago. Alegrouse de que alguén se lembrase del. Fíxome un encargo, a entrega dun guion cinematográfico, e que pode dar por feito. Na historia que propón hai galegos de ida e volta a Cuba. Polo que me contou parece interesante.

Pasaron moitas persoas, desde xente que demanda mapas, outros diccionarios (e que xa esgotamos), libros sobre a lingua galega, a historia. As demandas da xente deberan marcar as próximas presenzas nesta Feira. E tamén caen por aquí persoas con historias persoais ben chamativas. Se eu fose novelista este sería aínda un mellor traballo.

Acudimos ás dúas da tarde a un acto á CÁTEDRA DE CULTURA GALEGA, da Facultade de Letras da Universidade da Habana, onde Paco Martín, Anxos Sumai e Xosé Tomás falan das súas experiencias como escritores os dous primeiros e como iludstrador o segundo. A sala está ateigada, hai xente de pé. É sorprendente o interese. E maior aínda o diálogo e as preguntas dos estudiantes.

Ás catro da tarde desprazámonos á UNEAC (Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba), a presentar o libro A La Habana quiero ir (Los gallegos en la música de Cuba, de Ramom Pinheiro. Acompaña ao autor a investigadora cubana María Teresa Linares, din que a maior experta nesta materia en Cuba. A sala volve quedar pequena.

Volvemos á Feira para pechar o stand. Alí estanos a esperar Yuri, Yuri Carballeira. Un nome moi común por aquí. Di Yuri que nos quere mostrar o que na casa ten, libros de vello e moi interesantes, moi valiosos. Quere vendelos, claro está. Conta que os herdou de un seu tío que morreu solteiro, e que ninguén os quixo por non asumir os custes e o traballo de trasladalos. Yuri é neto dun galego de Ourense. Sabe da nosa visita anual. Vive en Guanacabo, unha localidade costeira a 15 quilómetros da Habana. Fala dos libros que ten, e, a verdade, se é certo si que teñen moito valor. Di a cantidade de volumes que garda. Pregúntolle se seu tío tiña tantos, e di que non, que despois da herdanza do tío decidiu dedicarse a iso, a vender libros de vello. Conta que cando ve unha casa recén deshabitada vai por alí e ofrécese a "limparlle" gratuitamente todo o que se refira a papeis, sexan libros, documentacións ou outros papeis calquera. Faino así de fácil. Aparece un editor andaluz e dime que todo o que di é verdade, que ten auténticas xoias. O problema ten é que ás veces quérellos vender a xentes sen posibles, como é o caso. Pero Yuri non ten présa. Outros caerán.

Pola tarde coñecemos tamén a Javier e Janet, unha parella de profesores na Facultade de Historia, e investigadores da presenza galega na Habana. Parecen moi informados. Saben moito e aínda lles gusta máis explicalo. Unha sorte a nosa.

Pasamos por diante do Centro Galego e vemos que hoxe, cando escribo estes textos apurados, actúa ás nove da noite Amancio Prada. Alguén organizou unha homenaxe a Rosalía de Castro. A sorpresa é grande. Alí estaremos.

Vexo nalgures que Obama está a preparar unha maior penetración comercial dos EEUU en Cuba. Seica xa o está a conseguir pois nos teclados do ordenador o "ñ" é Alt+164, e non ñ.
ALT+164


4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: