Paco Macías, director de Edicións Positivas, envíanos cada día as súas crónicas dende a Feira Internacional do Libro da Habana. Aquí tedes a cuarta.
Hoxe, na Tribo das Palabras, tiven que presentar un acto no que Anxos Sumai e Paco Martín lían párrafos da súa obra. Comezou Anxos e leu, entre outros, un texto titulado Funil. Unha marabilla. Falaba de tantos mundos, de tantas realidades, usando a imaxe dun funil, era todo tan lóxico e tan sinxelo, e tan bonito, que quedei pampo un tempo. Unha grande escritora esta Anxos Sumai. Pero despois leu Paco Martín un anaco do seu As cousas de Ramón Lamote, e mentres lía, Xosé Tomás ía ilustrando para todos o texto que oía da voz de Paco. O resultado foi espectacular. Unha marabilla. Os habaneros entendían perfectamente o humor de Ramón Lamote. E por que non o ían entender?
Entre os asistentes ao acto estaba Javier, que eu coñecera o día anterior. Fomos ao stand e estivo Javier falando de Pote, un galego famoso que por aquí andou, que é coñecido por fundar a librería La moderna poesía. Pero Javier di que a historia do Pote é moito máis interesante do que se ten publicado ate o de agora. Chegou a director do Banco Nacional de Cuba. E acabou suicidándose. Teimou o cubano Javier en demostrarnos o interese deste personaxe. E convenceunos. E sabemos que el é quen de escribir algo interesante sobre o Pote. Coñecementos sóbranlle. E axiña o imos ver.
Pola mañá almorzamos no hotel rodeados de xente de negocios, case todos estranxeiros. O ano pasado estas cousas non se vían. A Habana está a cambiar. Porque supoño que Cuba quere ser distinta, e teno que ser, e necesítao. Eu falo con todos, falo do que quero. A sensación con respecto a hai un ano é de cambio. A presenza de diplomáticos, mesmo de presidentes de estados, é aquí agora unha constante. Por aquí veu a presidenta de Chle, de Arxentina, de Guatemala, de Noruega, de Namibia, de México e máis que non lembro. Estaremos atentos.
Coñecín a Edel Morales, o Director da Feira. Quedamos en falar nestes días. Sabemos que o ministro está a punto de nos dar a entrevista que solicitamos hai poucos días. O xoves estaremos tamén con Gilda María, a editora de Casa de las Américas.
Viñeron os de Radio Progreso (as bromas dos de Lugo xa se poden supoñer) e fixéronnos unha entrevista.
E hoxe mesmo reunirémonos coa Asociación de editores de Chile. Entregarémoslles todos os nosos catálogos, faremos propostas e tentaremos que o contacto coa AGE (Asociación Galega de Editores) sexa constante.
Porque nós aquí damos cada paso pensando en Galicia. Estamos acó e aló. Ou nin acó nin aló, que vén ser o mesmo. E, como din na guía Paseo Gallego por La Habana "...Caminos que no terminan aquí y que en adelante taomarán el rumbo que sepamos imprimirles juntos, los gallegos y cubanos de hoy".