Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Parte de traballo na Habana (V)

De reunión en presentación

O editor Paco Macías envía a súa quinta crónica dende a Feira Internacional do Libro da Habana.

Redacción - 18:04 21/02/2009

Hoxe foi un día de moitos contactos, deses que cansan de tanto falar e escoitar..
 
Pola mañá fixéronnos unha reportaxe para a revista dixital ESQUIFE, e que se pode ver na rede. A periodista declarouse namorada da música galega. Descubriu as mil músicas de Galicia e fala delas cunha grande paixón. Falamos, clarostá, de moitas cousas.
 
Despois asistimos ao acto no que Rusia acepta ser o país invitado de 2010.
 
Volvemos ao stand, onde estaban os estudantes da cátedra de galego. Recibímolos, falamos con eles, e unha moza dime estar engaiolada de Fina Casalderey. Acompáñaos a profesora Arancha.
 
Cando se van, está a esperarnos Rodovaldo Guinez, o director de Edicións Cubanas. Rodovaldo é o responsable de calquera operación comercial que se poida facer en Cuba. Di que vén de parte do ministro de Cultura. Acordamos facerlle unha proposta, que el di que estudará atentamente. Sabemos posteriormente que esta persoa é a clave para introducírmonos nesta sociedade, mesmo neste comercio.
 
Saímos a lume de carozo á conferencia de Anxos Sumai na sala Lezama Lima. A xornalista e poeta Teresa Melo está presente, e di que no Cañonazo (a revista da Feira) de hoxe falará de Anxos. É fácil decatarse de que nos actos nos que participan galegos comeza a haber un público fiel. Hai xornalistas que non perden unha.
 
Continuamos na Sala Alejo Carpentier, con Paco Martín e Xosé Tomás. Repiten a exitosa fórmula de onte. Presentan Sabeliña e os ratos. Mentres Paco Martín le o conto, en castelán, nunha tradución que atinadamente adxunta a editorial (Galaxia), Xosé Tomás vai ilustrando o que oe de Paco Martín no reverso duns grandes carteis. A precisa lectura do narrador e a mestría do ilustrador repiten o éxito da anterior presentación. Ao final Xosé Tomás dóalle as ilustración á organización da Feira para faceren unha exposición. Desprazámonos ao stand para asinaren os autores libros. Chega a haber cola. Hai satisfacción.
 
Aparece Félix, o coordinador de Andalucía, e marcamos unha reunión para hoxe, co fin de traballar conxuntamente en próximas edicións.
 
Despois de xantar recibimos a Gilda María Fernández, editora de Casa das Américas. Faleille da posibilidade de editar libros de autores galegos na súa editora. Acordamos que lle enviaría propostas. A primeira ha de ser As cousas de Ramón Lamote.
 
Subimos outra vez á Sala Lezama Lima para a segunda presentación de A La Habana quiro ir. A anterior fora na UNAC, pero esta é para o público. Sorpréndeme a capacidade de convocatoria da estudosa que acompaña a Ramom Pinheiro, María Teresa Linares, que parecen coñecer todos os do ateigado auditorio. María Teresa, considerada aquí a maior experta en música popular cubana, e xa con case 90 anos, fala da Coruña de seu pai, fala de música, de Galicia, da Habana, fala moito e ben. Ramom Pinheiro afirma que hai cousas de Galicia que non se poden entender sen Cuba. E na música popular galega parece evidente.
 
Saímos con présa porque hai que pechar o stand, pero retennos Yarisa, da Casa de Iberoamérica, en Holguín, no leste da illa, próximo a Santiago de Cuba. Quere invitarnos á XVI Festa da Cultura Iberoamericana do próximo outubro. Quedamos en dialogar por mail. E pechamos o stand.
 
Xa de baixada á cidade paramos no recinto da Feira a ver a actuación do grupo Sexto Sentido. Son catro mozas a cantar e cinco músicos a tocar. Detrás deles vese toda A Habana.
 
Imos cear. Hai entre nós un algo de tristura, pois sabemos que Sonia volverá mañá para Galicia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: