Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FOTOGRAFÍA

Flickr pon a astronomía ao alcance do público

Un novo software identifica automaticamente os obxectos celestes que aparecen nas fotos publicadas no grupo de Astrometría.

Redacción - 20:00 22/02/2009

Flickr, a web de fotografías de Yahoo, acaba de presentar un novo servizo automatizado. As persoas afeccionadas á astronomía verán facilitado o seu labor á hora de identificar obxectos celestes. O programa "servidor de astrometría cega" encargarase de analizar as imaxes subidas ao grupo de Astrometría e detectar que parte do ceo se fotografou e os planetas, galaxias ou nebulosas que se ven.

O 'robot' ten en conta a posición das estrelas que se ven nas fotografías á hora de identificar a que parte do ceo nocturno corresponden. As análises do software aparecen como comentarios de astrometry.net ao pé das fotos. Ademais de fornecer unha descrición exacta do que aparece na foto, toma os datos e contribúe a ampliar o fondo de imaxes do proxecto Astrometry.net, de catalogación celeste para persoas amadoras.

Na nota publicada no blog de desenvolvemento de Flickr saliéntase que os astrónomos afeccionados poden tirar fotografías excelentes e adoitan facer descubrimentos de novas supernovas ou planetas. Pero esas achegas son difíciles de incorporar aos datos científicos por falta de identificacións exhaustivas.

O 'robot' de Flickr usa un catálogo recompilado nos últimos 50 anos. Os responsábeis da rede social fotográfica contan con construír un mapa do ceo de código aberto coas achegas de astrónomos afeccionados.

O encargado de levar esta aplicación a Flickr, Christopher Stumm, amosouse sorprendido pola capacidade do software de detectar obxectos celestes, mesmo enfrontándose a imaxes falsas ou esquivando outros obxectos que podían aparecer nas fotos, como árbores ou casas.

Aínda así, o programa non é perfecto, pois non foi quen de recoñecer a constelación de Orión nesta foto desenfocada.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: