A web para compartir fotografías impídelles a todos os alemáns acceder a contidos 'para maiores de idade'.
Usuarios da rede de todo o mundo puxeron en marcha unha campaña de protesta polas restricións que está a introducir a web de publicación de fotografías Flickr, propiedade de Yahoo. O servizo implantou filtros de contido aos usuarios de Alemaña que impiden a todos os internautas dese país acceder a imaxes non aptas para menores.
O filtro de 'procura segura' (safe search) pódese desactivar voluntariamente dende calquera lugar do mundo, agás Alemaña, Singapur, Hong Kong e Corea. Segundo Yahoo, o bloqueo introducido no país europeo é debido á “estrita lexislación e penas” que existen alí. Segundo o xigante da internet, non se trata de censura, e está a traballar na mellora dos filtros para cumprir coa lei alemá.
A lexislación xermana obrígalles ás páxinas web a comprobar a idade dos visitantes para poderlles amosar contido potencialmente “sensíbel”, como fotografías eróticas. A reacción dos usuarios foi inmediata. Xa existe un grupo no propio Flickr denominado Contra a censura coas imaxes que os alemáns non poden ver. Tamén está a circular unha imaxe coa mensaxe “Connosco non! Pensa, Flickr, pensa! Contra a censura!”, para que todos os usuarios a inclúan nos seus álbums.