Agora que a Xunta Electoral Central ratificou que non se poderá votar sen axuntar fotocopia deste documento ou do DI, apúranse os trámites.
O consulado español en Montevideo
Segundo informou na mañá desta sexta feira a Radio Galega, o Consulado Español en Uruguai vailles expedir un pasaporte provisional a todos os emigrantes galegos no país sudamericano, para que poidan votar nas eleccións do vindeiro 1 de marzo.
No caso de que os cidadáns non poidan pagar os trámites para conseguir este pasaporte provisional, o consulado facilitaralles os documentos de balde, xa que a intención é que todos os emigrados galegos que o desexen poidan votar o mes que vén. Así llo confirmaba á radio pública o cónsul xeral adxunto en Uruguai, José Antonio Ruíz, quen explicaba que este documento será provisional porque terá unha "validez limitada no tempo", xa que ha servir para que os galegos do exterior voten "nas eleccións autonómicas e nas europeas, e así cubrilo todo cunha mesma tramitación". Desta volta os pasaportes non serán xestionados dende Madrid, o que lles permitirá ás autoridades consulares actuar con máis axilidade para que, segundo o cónsul adxunto en Uruguai, "ninguén quede sen poder votar".
Agora que a Xunta Electoral Central (XEC) ratificou que só serán válidos os votos da emigración que axunten unha fotocopia do pasaporte, DI ou certificación de nacionalidade expedida polas autoridades consulares, a representación do Estado Español no exterior apura os trámites. De feito, segundo comentou Ruíz, hai "outros moitos consulados" que están prevendo medidas deste tipo.