Os socialistas acusan ao BNG de querer eliminar o voto emigrante porque non lle é favorábel. Os nacionalistas retrucan que ao PSdG non lle interesa introducir reformas para que voten os embarcados.
Entre 10 mil e 15 mil mariñeiros galegos quedarán sen votar nas vindeiras eleccións. Por estaren embarcados na flota de altura, de gran altura ou da Mariña Mercante perderán o seu dereito a exercer o voto o vindeiro 1 de marzo. Así o denuncia o deputado do BNG, Bieito Lobeira, quen asegurou que esta cuestión non se soluciona porque "este colectivo é libre e non tan manipulábel coma outros", ao tempo que subliñou que "é máis funcional caciquear co voto emigrante".
Así, exixiu que se constitúan mesas electorais a bordo das embarcacións, delegando como funcionario responsábel do proceso ao capitán. Considera que esta medida é "tecnicamente viábel" e puxo de exemplo a países como Suecia, malia a ter "unha flota máis pequena que a galega". En contestación, o secretario xeral da Consellaría de Presidencia, Santiago Roura, subliñou que xa existe un grupo de traballo nas Cortes para reformar a Lei Electoral e que estuda, entre outros puntos, introducir unha reforma deste tipo.
Voto emigrante
Lobeira criticou que os descendentes da diáspora poidan exercer o seu dereito ao sufraxio sen coñecer a realidade política galega e contrapuxo esta realidade coa do voto exterior: "mariñeiros que naceron aquí, viven aquí, teñen as súas familias aquí e pagan os seus tributos aquí, non teñen o mesmo dereito". Na mesma liña se manifestou o portavoz parlamentar nacionalista, Carlos Aymerich, quen lamentou as declaracións que previamente fixera o vicesecretario xeral do PsdeG, Ricardo Varela.
Nunha entrevista radiofónica, o socialista acusou ao BNG de "querer eliminar o voto da emigración" porque "a penas ten votos, só un tres por cento". Ao tempo, asegurou que "a principios de ano estará feita unha proposta por parte do partido" para a reforma do voto dos galegos do exterior. Carlos Aymerich contestou a estas declaracións e cualificou de "curioso" que Varela coñeza con tanta exactitude a porcentaxe de voto no exterior que van obter os nacionalistas o 1 de marzo. Finalmente, aserugou que o que quere o BNG é "que vote quen realmente teña dereito a votar, con garantías de limpeza e transparencia".