Porén, o BNG considera que se trata dun "acordo de mínimos", namentres que o PSdeG fala dun "bo" pacto.
Houbo consenso á fin entre os tres grupos con representación parlamentaria, malia que en realidade se trata dun acordo de mínimos. Co obxectivo de acelerar o debate e conseguir un texto que as tres formacións políticas estivesen dispostas a aceptar, retiráronse da negociación algunhas cuestións clave.
Deste xeito, PPdeG, PSdeG e BNG coinciden en solicitar que se garanta o voto en urna dos emigrantes para as eleccións galegas en 2009, caso de que finalmente non haxa adianto a outono de este mesmo ano.
BNG: 'Acordo de mínimos'
En declaracións aos medios á saída da xuntanza, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, subliñou que se trata dun acordo "de mínimos que garanta que estea vixente nas eleccións autonómicas".
Aymerich explicou que por esa razón o Bloque renunciou no foro de traballo a temas que os nacionalistas consideran clave, tal como son a limitación de voto nos comicios municipais ou o regulamento sobre "quen ten dereito a voto" dentro dos residentes no exterior. Ademais, Aymerich desafía a PSOE e PP a manteren en Madrid "o compromiso" asinado agora en Galiza.
PSdeG: 'Autonomía das Cortes'
Pola contra, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga falou dun "bo" pacto e advertiu que hoxe (por este martes) é un "día para a unanimidade", polo que eludiu o debate con Aymerich.
No entanto, respecto á apelación do voceiro nacionalista de "ir traballando" en Madrid para axilizar a aprobación do texto tamén alí, sinalou que as Cortes gozan de "autonomía" e pediu que se respecten as "regras do xogo".
PPdeG: 'Cuestionamento dos emigrantes'
Pola súa banda, o popular Aurelio Miras Portugal salientou a importancia de que Galiza se sitúe á cabeza na mellora dos procesos electorais na diáspora, como, ao seu xuízo, "sempre" fixo en materia de medidas políticas para o exterior.
Ademais, o ex conselleiro de Emigración opinou que coa entrada en vigor da lei deixarán de correr "ríos de tinta" sobre o voto emigrante, e cedeulle a palabra ao seu compañeiro no relatorio Manuel Castelao , emigrante en Arxentina.
"Eu formo parte desa xente cuestionada cada vez que hai unha convocatoria electoral", manifestou Castelao. "O que se cuestiona non é aos que están alí, senón o que fan os que están aquí", retrucoulle o nacionalista Iago Tabarés, que tamén participou na comisión.