Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobada a súa destitución

A Xunta indemniza con máis de 200 mil euros o ex presidente da Semana Verde

Maril recibirá unha compensación equivalente a dous anos de salario e permanecerá vinculado á fundación a través da Asociación de Amigos da Semana Verde.

Redacción - 18:10 25/09/2008

A Xunta indemnizará o ex presidente e ex director xeneral da Fundación Semana Verde, Xosé Maril, con máis de 200 mil euros logo de rescindir o seu contrato esta quinta feira na reunión de constitución do novo órgano directivo. Maril, que xa sobrepasa os 65 anos, contaba cun un dos salarios máis altos de todos os organismos públicos do país. Con máis de 100 mil euros brutos ao ano, o veterano presidente da Semana Verde tiña uns ingresos maiores ca o propio presidente da Xunta.

O padroado estará integrado por unha dirección xeral e unha comisión executiva, segundo avanzou o seu máximo responsábel, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu. Este precisou que Maril cobrará unha compensación equivalente a dous anos de salario, correspondentes a "moitísimos anos de traballo", e que permanecerá vinculado á Fundación como membro da comisión, a través da Asociación de Amigos da Semana Verde.

"Haberá un compromiso financeiro da Xunta tanto para acabar o exercicio actual como para 2009 e para as previsións do Plan Estratéxico que se está elaborando", asegurou Méndez Romeu, que como parte das necesidades económicas "a curto prazo" da entidade, recibirá unha dotación de polo menos 1,5 millóns de euros "nos vindeiros meses", aínda que a contía total non se concretou.

Rendíbel socialmente, mais sen capacidade de autofinanciarse
O conselleiro foi escéptico con respecto á posibilidade de que a Fundación Semana Verde chegue a autofinanciarse. "Esperemos que sexa rendíbel socialmente", afirmou, e agardou que o vindeiro director xeral inicie un "camiño de progresiva autofinanciación".

Entre os nomeamentos decididos na xuntanza desta quinta feira figura o de Casto Varela, director de Promoción e Innovación do Igape, como vicepresidente. Na comisión executiva estarán representados o secretario xeral de Presidencia, Santiago Roura, e o ex presidente do padroado.


1,89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: