O actual presidente da Fundación Semana Verde rexeita as críticas do conselleiro de Presidencia e asegura que o Goberno tiña marxe de manobra se quixese ter virado a situación.
Hai ano e medio que o presidente da Fundación Semana Verde, Xosé Maril, puxo o seu cargo a disposición dos membros do padroado, segundo asegurou este xoves o propio Maril, quen asegurou que as actas das reunións confirman ese extremo. Engadiu ademais que o pasado mes de marzo volveu poñer na mesa o seu convite a dimitir do seu cargo.
Maril respondía así ás acusacións do conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, quen lle reprobou as "dificultades e obstáculos insuperábeis" que puxo para solucionar a problemática situación que atravesa a institución. Opina Romeu que a Semana Verde está ao "límite" e cunha débeda "espectacular" co Concello de Silleda.
O presidente da Fundación rexeitou o diagnóstico e limitouse a insistir en que "é sabido e notorio" de que a Xunta ten dende hai seis anos "plenos poderes" para exercer "con maioría absoluta o que lle conveña" con respecto ao futuro do organismo.
Romeu denuncia os obstáculos
A última hora do xoves e despois de saír da xuntanza do padroado da Fundación, Romeu afondaba nas críticas realizadas ao inicio e insistía en que Maril está "impedindo e dificultando" un cambio de estatutos que permita que "tomen o control" as institucións con capacidade financeira e "vontade de resolver" os problemas existentes. O conselleiro mostrouse especialmente crítico coa existencia dunha "mestura de funcións executivas e presidenciais". Tamén alertou que se están a producir "prexuízos fiscais notábeis" para a fundación e avogou por unha dirección "profesional" e uns mecanismos de xestión que lamentou que "hoxe non existen, entre outras cousas".
"Parece que o señor Maril considera que en lugar de estar nunha Fundación estamos ante unha empresa persoal e xuridicamente non é así", espetou o titular de Presidencia. Méndez Romeu admitiu que o actual Goberno atopou unha situación "incríbel". Así, relatou que, por unha banda, existía "unha blindaxe" estatutaria que impedía facer cambios e, por outro lado, "se mesturaban as funcións de director xerente e de presidente do padroado".
Ao respecto do conflito, esta mesma semana, os representantes dos traballadores asinaban unha análise na que subliñan que "é a hora de que o padroado dea a cara e poña as cousas no seu sitio". "Se en reunións persoais nos din que o problema é a mala xestión do señor Maril, agora teñen ocasión de sacar ese problema de diante e poñernos todos a traballar, a facer feiras, que é a nosa misión e non manifestacións nin ter que estar lembrándolles día si, día tamén, o que, non só nós, senón tamén o Consello de Contas leva dicindo nos dous informes emitidos", critican os traballadores.