Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A FUNDACIÓN DI QUE SE FIXERON TRABALLOS SEN PERMISO E TAMÉN DENUNCIA Á EMPRESA

FCC reclámalle á Semana Verde 6 millóns por obras feitas hai unha década

O incerto futuro da Semana Verde depende en boa parte das decisións xudiciais. A construtora FCC reclama preto de 6 millóns de euros por unhas obras acometidas no recinto feiral entre 1992 e 1996. A empresa presentou unha demanda diante do Xulgado de Lalín en 2005 e a sentenza está a piques de facerse pública. Porén, as acusacións son recíprocas. A dirección do recinto silledense tamén ten denunciado a FCC xa que considera que se incumpriron os prazos estipulados e que se acometeron obras complementarias sen permiso. Os traballadores temen unha condena que poña contra as cordas á fundación. A Xunta segue expectante o que ocorre no chamado "escaparate" do agro galego.

- 12:25 23/01/2007
Tags:

Ao longo da década dos 90 a Xunta de Galicia mimou á Semana Verde. O executivo investiu máis de 60 millóns de euros para apoiar as exposicións no recinto feiral de Silleda. Boa parte deses cartos estaban destinados a unha obras que acabaron en conflito xudicial. Dende o ano 1999, a empresa construtora FCC reclama xudicialmente o pago dunha débeda que, sumándolle os intereses de demora, achégase aos 6 millóns de euros. A adxudicataria perdeu dous contenciosos pero en abril de 2005 decidiu recorrer á vía civil e presentou unha demanda no Xulgado de Lalín. A Semana Verde considera que non ten que pagar eses cartos e bótalle a culpa a FCC de incumprir as condicións do concurso.

A Xunta quere un xiro radical na xestión da Semana Verde de Silleda. Dende que o bipartito asumiu o poder as conversas entre a Consellería de Presidencia (principal patrono da entidade) e a de Medio Rural non pararon. Un dos problemas é quen debe ter a competencia sobre o recinto. Aínda así, hai outros obstáculos importantes. Todos queren saber cal é o estado real das contas da entidade e á vez coidan que a actual dirección, con Xosé Maril á cabeza, xa cumpriu o seu ciclo. Á espera do que suceda, as consellerías pecharon a billa dos cartos públicos e a colaboración só é puntual. Algúns opinan que o que sucedeu coas obras de FCC é, cando menos, un exemplo do mal funcionamento da entidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)