Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O 'ESCAPARATE' AGROGANDEIRO SEGUE Á DERIVA

As discrepancias no bipartito manteñen a Maril na Semana Verde

Aínda que socialistas e nacionalistas coinciden na necesidade dun relevo, non teñen decidido o papel da Xunta no recinto silledense.

Redacción - 13:00 05/03/2008

A Semana Verde de Galicia segue a navegar sen rumbo. A Xunta, que ten nove dos dezasete membros do máximo órgano reitor da institución, non é quen de dar un golpe de man que endereite unha situación caótica que se arrastra dende a década dos 90. Un dos exemplos é a controvertida situación do sempiterno presidente Xosé Maril. Socialistas e nacionalistas coinciden en que non pode seguir á fronte da institución. Mais aínda que a súa blindaxe como presidente rematou en novembro do ano pasado, as discrepancias entre os socios do Goberno permiten que Maril continúe ao mando dun proxecto totalmente esgotado polo que cobra máis de 105 mil euros brutos cada ano.

O último episodio desta ensarillada situación produciuse este mesmo martes. O Padroado da Semana Verde acordou o despido do xerente, Xosé Luís Alcañiz, e pospuxo outra vez a contratación dun estudo de viabilidade. O propio Maril foi o que propuxo o cesamento de Alcañiz, xerente dende 2003. As relacións entre presidente e xerente eran nulas dende había moito tempo. Os propios traballadores do recinto feiral sinalan que Maril non lle permitía tomar ningún tipo de decisión a Alcañiz e que el mesmo facía as funcións propias do xerente. María do Carmo Midón, representante sindical da CIG, subliña que esta é outra proba de que “Maril fai e desfai todo” en todos os departamentos da Semana Verde.

Maril podería deixar o cargo antes do verán
Sexa como for, Maril sabe que ten moi poucas opcións de permanecer “sine die” no cargo. Fontes consultadas por Vieiros sinalan que é moi probábel que o presidente da Semana Verde deixe o posto antes do verán. Mais o problema segue a ser o mesmo: que futuro se quere para o recinto? Socialistas e nacionalistas teñen que chegar a un acordo e determinar definitivamente quen vai ter máis peso na institución: a Consellaría de Presidencia (como o até de agora) ou Medio Rural. O máis lóxico, pola tradicional vocación agrogandeira do recinto, sería esta última opción. Mais o PSdeG e o BNG cometeron o fallo de acceder ao Goberno sen pactar un cambio dunhas competencias herdadas do PPdeG.

Os propios traballadores teñen cualificado de “escándalo” o escaso control sobre o diñeiro público que chegaba até o recinto. Tal e como xa informaramos, só na década dos 90, o PPdeG investiu na década dos 90 máis de 60 millóns de euros na Semana Verde. A pesar das inxentes inxeccións de cartos, a institución non foi quen de erguer o voo. A isto hai que sumar que a empresa FCC reclama no xulgado dende 2005 o pago de seis millóns de euros, ao que habería que engadir os intereses de demora, por unhas obras acometidas nas instalacións entre 1992 e 1996. Se a xustiza, tal e como temen os traballadores, falla a favor da empresa a situación pode ser explosiva.


4,15/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: