Bieito Lobeira afirma que o BNG "defenderá aqueles proxectos que se impulsen en Galiza, sempre que se adapten á legalidade vixente".
Piscifactoría de rodaballo de Lira
A conselleira de pesca, Carme Gallego, destacou que as firmas acuícolas disporán dun "magnífico instrumento" de ordenación territorial para a creación de novas infraestruturas, en relación ao plano recentemente aprobado. Ademais, incidiu en que a legalidade vixente amparará a creación de cada unha das plantas mariñas previstas no Plan Acuícola, ao tempo que asegurou que o Goberno non xogará cos intereses dos cidadáns.
Gallego, que respondía a unha interpelación do PPdeG para esixir a anulación de varias piscifactorías polo rexeitamento social xerado, cualificou de "impecábel" a súa tramitación e vaticinou que rematará coa especulación sobre o solo, xa que despois dun concurso público, as empresas disporán dunha concesión administrativa dun máximo de 30 anos para desenvolver a súa actividade.
En canto ás firmas que optarán á construción das granxas mariñas nas 24 piscifactorías que prevé este documento, Gallego adiantou que xa recibiron 18 propostas de diferentes empresas acuícolas, e que un terzo delas están interesadas nos novos emprazamentos (13). Ademais, avanzou que a súa consellería aprobara en breves a primeira planta orientada á produción de cultivos mariños e aproveitou para solicitar o "apoio responsabél" dos tres grupos políticos.
Debate parlamentario
Pola súa banda, o portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira, afirmou que a formación nacionalista "defenderá aqueles proxectos que se impulsen en Galiza, sempre que se adapten á legalidade vixente" e adiantou que velarán polo "respecto a criterios urbanísticos, ambientais e industriais". Neste eido, Lobeira admitiu que pon en cuestión algúns dos emprazamentos escollidos, e dixo que o Bloque actuará con "responsabilidade e coherencia".
Finalmente o deputado do Partido Popular, Xosé Manuel Balseiro, afirmou que este plan é "inviábel e ineficaz" e falou de "división no Goberno", en relación ás declaracións que hai unha semana facía Lobeira, e que despois matizou Anxo Quintana.