O deputado nacionalista advirte que as consellarías nacionalistas aínda teñen que analizar cada un dos proxectos.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira marcou claramente a postura do Bloque con respecto ao Plan Acuícola: “O BNG non é o pai desta criatura”. Lobeira considera que o documento aprobado en primeira instancia no Consello da Xunta é “manifestamente mellorábel”.
Os nacionalistas explicitan así a súa disconformidade cos plans dos seus socios de goberno. Lobeira lembrou que houbo actuacións como as da Consellaría de Cultura que van evitar que as piscifactorías afecten a áreas de interese arqueolóxico.
Porén, o deputado do Bloque cre que aínda é preciso limar máis os plans da consellaría. Como exemplo puxo as piscifactorías de Laxe Brava (Ribeira), Camelle ou a de Merexo (Muxía), que, segundo explicou, poñen en perigo a riqueza produtiva e natural das zonas.
A este respecto, Lobeira advertiu que os proxectos piscícolas aínda teñen que ter o visto e prace das consellarías de Cultura, Industria e Medio Rural: “Imos facer todo o posíbel para que os proxectos que nos parecen máis agresivos non cheguen a facerse realidade”.