Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (17)

Conseguiu que agora a muller poida saír

Obviamente as persoas non nacemos para vivir presas, por moito que haxa homes e sociedades que opinen tal cousa sobre as mulleres. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 09:30 11/08/2008
Tags:

Amputar a perna para que non doa?
O diálogo é a ferramenta de cambio máis poderosa. Se cadra lenta, pero a máis poderosa sen dúbida. Por iso son moitos os momentos en que me encerello en debates que duran moito tempo e que non sei nunca que resultado van ter, pero confío, confío. Cando entro na casa de Jarina Begum xa sei cal é o problema. Sei que o seu home non a deixaba saír da casa por, como din aquí, “sospeitas”. É dicir, que o home encerra á muller porque ten medo de que vaia andar con outros por aí.

A situación chegou, grazas a unha integrante do consello de suburbio e a animadora, a Gayalakshmi, que leva uns meses de diálogo co home, o cal conseguiu que agora a muller poida saír (estamos falando de literalmente, SAÍR) da súa casa para mercar algunha cousa. Pero obviamente as persoas non nacemos para vivir presas, por moito que haxa homes e sociedades que opinen tal cousa sobre as mulleres. E Jarina segue loitando porque quere traballar, como cando estaba solteira.

Aínda así, está claro que as presións son moitas. E o seu home e a súa sogra conseguiron convencela de que a forma de entender o problema era dándolle a volta, é dicir, que o problema o causaba ela por ter tales pretensións e que se se “axustaba” a vivir sen traballar o problema estaría resolto. Por suposto. E se che doe unha perna podes cortala, así non che volve doer máis. Só que o absurdo desta última decisión é evidente para calquera. E iso é o que intentamos que entendan ela e sobre todo a súa sogra, que tamén está presente, que a solución non pasa por amputar o seu dereito a decidir, a traballar, senón por cambiar a quen lle impide exercelo. Iso queda en mans de Gayalakshmi.

25 de xullo... melancolía?
A pesar da distancia, tamén para min é 25 de xullo. Así que comezo o día escoitando a Muiñeira de Cortellas na voz de Xabier Díaz e dáme por pensar quen inventou iso da melancolía galega, de onde saíu tal mito que teño a esperanza de que vai caendo en desuso, quen fixo dunha característica máis dun pobo A característica.

Eu, para empezar, véxome excluída desa definición, teño pouco ou nada de melancólica. E escoitando esta muiñeira afiánzome na nosa música popular para lembrar todos os elementos contrarios á melancolía: a retranca, o humor, a ledicia da festa, as letras picantes, a trivialización da morte, do traballo, de deus é bo e o demo non é malo, a rivalidade entre lugares, o orgullo do propio... Non teño a resposta pero intrígame saber por que ese silencio de todas estas cousas que está aí tan patentes na nosa música e en tantas outras voces (Rosalía de Castro, por exemplo? Quen a fixo a naiciña chorona?).

Penso nesa música que cantamos, polo menos ata hai 30 anos, que é onde comeza a miña infancia, nas nosas festas, nas nosas casas, que cantaruxamos polo baixo ou berramos polo alto en canto hai dúas persoas galegas xuntas (polo menos a rianxeira, ou o miudiño, ou os catro vellos mariñeiros, dálle, muller). Se cadra centrarse na melancolía e non na vitalidade fai da nosa identidade nacional algo menos ameazante, máis “riquiño” aos ollos do centro (non como Cataluña, deus nos libre!). Igual que a nosa música recupera e redefine o que estaba aí, as muiñeiras, as pandeiretas, as cantareiras, a ribeira e o interior, a nosa identidade precisa tamén dese novo aire, perder o cheiro a naftalina e encherse co son suave das voces. Ser, si, ameazante, porque iso demostrará que levamos conseguido algo. Eu deposito na Muiñeira de Cortellas a miña esperanza.

Crónicas anteriores:


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: