Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (4)

Aquí todo o mundo casa antes dos 25 e se non o fas aí quedaches

"Achegámonos á praia da cidade, que cada vez sorprende máis co seu nivel de domesticación. Polo menos houbo sorte e non atoparon petróleo".

María Reimóndez - 10:00 20/07/2008
Tags:

A bogada
Cando amence o domingo e non me dou présa por erguerme e poñerme con traballos varios senón que me dedico a ler un libro sei que agarda a tarefa máis ingrata da semana. A tarefa que cada día fago en pequenas doses pero que culmina os domingos coa acumulación de toalla, saris e outras pezas pesadas de roupa: lavar.

Faime graza que Aritha van Herk, a autora canadense coa que volvín coincidir no Mundos de Mulleres despois de coñecernos en Vigo falase de que a bogada era o tema do seu próximo libro, algo que quedaba normalmente nas marxes e que ela quería levar ao centro da historia. Ben por ela! Pero pouco me consola que o meu esforzo vaia ser un tema literario mentres me encrequeno durante un tempo indeterminado para bater a roupa, darlle co xabón, volvela bater e logo volvela pasar por auga, retorcela, colgala. Que violencia! Sobre todo para o meu corpo e o de millóns de mulleres que descoñecen a lavadora e/ou que carecen de alguén que comparta con elas as tarefas domésticas (no meu caso por ausencia real, con e sen lavadora, no de moitas máis por presencia nula, que é moito peor).

Por suposto pode argumentarse se as lavadoras son ecolóxicas. Neste punto, teño que ser taxativa: que as fagan máis eficientes de forma que as poida usar todo o mundo, que reciclen a auga ou o que sexa necesario, pero non volvamos cara a atrás no tema da bogada. O de compartir tarefas, que vou dicir, é de seres humanos saber coidar de un/ha mesmo/a. Iso ou que alguén poña de moda lavar a man como deporte oriental nos ximnasios e que o colectivo de frikis amantes de novos deportes nos lave a roupa ao resto da humanidade por diversión e manter o tipo fino.

Asocial?
Levo todo o domingo lendo e escribindo, entre outras cousas un relato para un volume de Educación e Paz que publicará Xerais en breve para conmemorar os 25 anos de Educadores pola Paz. A actividade non dista moito da dos domingos que podo permitirme o luxo de ficar na casa en Vigo, decátome de que entre as cousas que máis me gusta facer no mundo destacan aquelas que requiren soidade... serei xa totalmente asocial? Ou será que paso moito tempo entre persoas e logo preciso tempo para estar comigo e recuperar os equilibrios?

Vella
Para rematar o día achegámonos á praia da cidade, que cada vez me sorprende máis co seu nivel de domesticación. Polo menos houbo sorte e non atoparon petróleo, quitaron as bases da planta que tiñan postas na miña última visita. Continúa, porén, a construción do porto e a invasión de domingo pola tarde. Iso si, as mulleres só mollan os pés, un par de rapaces báñanse cos pantalóns postos e en camiseta de roupa interior.

Estar na praia urbana de Karaikal sácame do meu ambiente, ponme en contacto con persoas que levan outras vidas, moi distintas das persoas coas que me relaciono cada día. En todos os países hai eses compartimentos estancos, eu ás veces podo traspasalos polo meu traballo como intérprete, que me leva a moverme en círculos onde de ningunha outra forma podería. Sempre me deixa un pouco en estado de shock. Igual que comprobar o vella que vou.

Neste país á miña idade estaría condenada a unha vida de soidade absoluta, sen afecto, sen sexo, sen parellas ou tríos ou o que fose. Aquí todo o mundo casa antes dos 25 e se non o fas aí quedaches. Pero mentres penso isto Ambal fai algunha das súas bromas sobre a súa mocidade e os métodos para fumar de forma clandestina e Sahajaraj e mais eu non podemos coa risa e decátome de que ir vella ou vivir en soidade non importa tanto cando me rodean boas amizades e xente que me quere.


Crónicas anteriores:


2,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: