Karthika ten 17 anos, unha discapacidade e mantén ela soa con súa mai a unha familia de 6 persoas. Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.
Unha caída chama por outra?
Ás veces as coincidencias parecen rirlle a unha na cara. De camiño a Tiruvetakudi unha muller que vai de paquete na moto, sentada de lado coma min, cae ao chan. Penso que é a primeira vez en 14 anos que vexo tal cousa. Teño visto accidentes, si. E mesmo unha vez atropelamos a un vello e a súa neta que ían nunha bici (non pasou nada grave), se non recordo mal de camiño a Chennai. Mais a pesar de todas as veces que teño visto os coches, motos, autobuses, árbores, beiravías pasar a medio centímetro da miña perna, nunca vira unha muller caer da moto en marcha. Pois ben, niso vou pensando cando paramos Lourdmary e mais eu en Tiruvetakudi, ela perde o equilibrio e... caemos as dúas ao chan. Obviamente non nos pasou nada, a moto xa estaba parada e eu baixándome pero, unha caída chama por outra?
Infelicidade en cadea
Se eu fose Vanitha, a asesora para cuestións de xénero, non podería facer o meu traballo. Véxolle mérito, a min pódeme a carraxe. Cando entramos na casa de Tilaha a súa mai estivo xa chorando na porta polo conflito co seu xenro. Tilaha ten 23 anos aínda que ninguén o diría, parece bastante máis nova. O problema é complexo pero por outra banda típico e irritante. O home ten unha relación con outra muller. A cousa non tería por que ser asunto de ninguén máis ca del e elas, pero pasa a selo cando Tilaha depende del para comer e el non lle dá cartos e tamén cando el argumenta que a razón para ter outra relación é que ela “non lle dá fillos” (de onde sacará tanta xente que as mulleres procreamos por xeración espontánea?).
O absurdo do caso é que o home parece ser que xa estaba coa outra muller antes de casar. A pregunta lóxica é: por que non casou con ela? A resposta ilóxica: pola sociedade, a familia, que dirán, enfrontamentos... co cal entra unha terceira persoa no panorama á que facer infeliz: Tilaha. Dende sempre non entendo como as persoas (e isto acontece en todo o mundo) son capaces de antepoñer o que dirán á felicidade propia. Como se esta xa non fose abondo difícil de conseguir loitando e sendo fiel a unha mesma, para máis guiarse por dirindainas dos demais. Vanitha tenta convencer ao home de que adopte outra postura e a Tilaha de que non é culpa súa toda a situación e logo da necesidade de que entre no grupo de aforro novo que se está formando na súa aldea e ser independente polo menos no económico.
Non só cartos
Karthika ten 17 anos, unha discapacidade e mantén ela soa con súa mai a unha familia de 6 persoas. Hai pouco máis dun ano, iso si, a súa situación era ben diferente. O cambio marcouno o grupo de aforro para persoas con discapacidade que se formou no proxecto e no que decidiu participar. Antes disto, fora unha das alumnas do centro de costura que o proxecto mantén de xeito itinerante, cada seis meses nunha aldea. Todas estas circunstancias fixeron que hai dous meses pedise un crédito ao grupo para poder mercar unha máquina de coser. O que gaña non son só cartos senón tamén a posibilidade de participar no que a rodea e de ser fundamental para a súa familia.
Crónicas anteriores: