Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India (5)

Reconciliarme con esta costa que agora semella tan calma

Galicia non se vende (e o resto do mundo tampouco). Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 09:30 21/07/2008
Tags:

Análise
A semana comeza enfrontándome ao sari que decidira conscientemente evitar por un churidar na fin de semana e facendo unha posta en común coas animadoras do proxecto sobre o estado do traballo. Dado que todas pertencen á comunidade facemos unha análise da situación antes da tsunami e na actualidade.

Nos aspectos das infraestruturas a mellora semella evidente nas aldeas costeiras coa construción de casas e canos para a auga. Mais alén diso as cousas non avanzaron demasiado. As desigualdades entre homes e mulleres seguen invariables, cun aumento de consumo do alcohol proporcional ao aumento dos ingresos no caso dos homes. As organizacións que decidiron crear grupos de aforro non seguiron a metodoloxía (que se basea en non dar senón en que as mulleres fagan o esforzo de aforrar) nin tampouco fixeron o ciclo completo (non chega con crear os grupos, hai que reforzalos, incidir nos aspectos de xénero, na formación empresarial, etc. para que sexan sustentables), o cal fai que a maioría dos grupos se desintegrasen xa.

No noso caso o traballo foi lento e os avances tamén, pero polo menos temos unha boa base na que agora poderemos afondar e deixar a comunidade en situación de poder xestionar todo o programa con dous anos máis de traballo. Non é máis intelixente traballar un par de anos máis e afianzar as intervencións que meter unha cantidade de cartos tremenda en algo que logo se vai desfacer? Eu guíome pola miña sensatez e pola das mulleres.

Cuestións ineludibles
Mandapattur é unha desas aldeas reconstruídas que semellan urbanizacións de Murcia das que sempre me fan pensar que como te despistes un día pola noite entras na casa da veciña. Vilas fantasma para pobres, claro, aquí non hai piscinas nin nada. Non é de estrañar que a xente siga vivindo nas casas de palla a carón do mar e alugue os cuartos a estudantes que acoden ás facultades non tan afastadas. Mais agora xa foi...

A xuntanza dun dos grupos de aforro que o proxecto ten na aldea ten hoxe como único tema central o banco. As mulleres teñen que pagar 500 rupias para poder participar (é dicir, ser accionistas) pero saben que con iso obterán acceso a un fondo común moi substancial que lles permitirá establecer negocios máis ambiciosos. Iso, se continuamos traballando o cambio de mentalidade dos homes, que por suposto se queixan de que as mulleres vaian a formación, que lles come tempo de facer a comida e estar na casa. Facer como quen oe chover non é suficiente, seguimos traballando estas cuestións. É imposible mellorar os ingresos das mulleres sen afrontar estas cuestións.

E aquí, nunha pequena lección de cooperación ao desenvolvemento, é onde fallaron (e fallan) as teorías que dicían que con “modernizar” os países e promover o desenvolvemento económico xa as mulleres melloraban por... contaxio?

Natureza
Cando volvemos para a oficina xa é noite. Por diante dos meus ollos á luz do luar pasan as barreiras naturais de árbores que se plantaron como protección ante tsunamis e os templos reconstruídos á beira do mar. A costa, ancha e tranquila. A natureza que non só nos dá a vida no sentido máis literal, senón que nos proporciona paz. Tento reconciliarme con esta costa que agora semella tan calma, como se non existisen nunca as imaxes que levo impresas para sempre no recordo. As imaxes dunha ruptura total da paz. O cal fai incomprensible para min o afán que teñen tantos de facer cartos a costa de destruír a natureza. Co moito que a necesitamos. GALICIA NON SE VENDE (e o resto do mundo tampouco).

Un apuntamento final
Antes de pechar o ordenador non podo evitar a gargallada ante o rosmar de Ambal dende hai máis dunha hora: ten que lavar a roupa. Non son a única que detesta a tarefa!


Crónicas anteriores:


1/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: