Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónicas da India

Fai falta que escoite moita xente máis

"Despotricar contra o patriarcado, atopar semellanzas entre aquí e alá e poñer en marcha cousas xuntas para cambiar tanta desfeita". Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.

María Reimóndez - 09:00 18/07/2008
Tags:

Agora estou aquí, agora estou alí
Sempre é noite cando chego a Chennai. Invariablemente as colas de inmigración van lentas. A maleta agarda. Ambal tamén. O coche, a noite, o ceo, a música. Un ciclo pendular. Comeza de novo a vida do outro lado. Tan normal, como unha luva. Como Coco no famoso Barrio Sésamo: agora estou aquí, agora estou alí. Se cadra só o corpo nota as horas de sono que faltan, a necesidade da posición horizontal, a calor.

Boas novas
No medio da noite a estadía comeza con boas novas: o concello de Ferrol foi capaz de recadar máis de 20.000 euros para o noso proxecto de corredor de desenvolvemento que levamos loitando por poñer en marcha dende o ano pasado. É unha cantidade enorme de cartos! Recadados grazas a todas as persoas e institucións que colaboraron na Cadea de Favores.

O máis significativo desta iniciativa é que ao contrario do que adoita pasar, non partiu de nós senón do propio Concello. Unha ás veces ten a sensación de botar o día berrando e que ninguén escoita, mesmo desde estas pequenas crónicas. Logo pasa algo así e debe ser que alguén si escoita despois de todo. Fai falta que escoite moita xente máis.

Anacos na chegada
Karaikal rompe coa luz do día. A estampa familiar da veciña, a que amola a Ambal coa súa bullanga relixiosa (segundo Ambal ten montada unha igrexa de cánticos na casa), as mulleres que lavan no cano da auga, a cadela que dorme abaixo, as escaleiras que levan á oficina aínda pechada e ao anexo onde dende hai catro anos transcorre unha parte da miña vida.

No cuarto repousan “Os libros arden mal”, unhas cintas da cámara de vídeo, antimosquitos, cadernos... reliquias da miña presenza. E tamén a sempitérrima caixa coa miña roupa. Estrándoa aquí e acolá. Deixando anacos de min por todas partes, como unha estraña forma de omnipresencia, se cadra? Será por iso que teño a(s) casa(s) sempre revolta, porque necesito sentir que a ocupo, malia ao pouco tempo que paso nela? Será que me puxeron no mundo para provocar o caos? Preguntas cansas que me consola contestar coa miña cabeza, por contraste, tan hiper-mega-ultra organizada.

Arrincando
Despois dun par de horas no chan, durmindo o non durmido, comeza o día. A chegada tomámola con calma, organizamos a estadía, que será como sempre vertixinosa. Unha semana en Karaikal, unha semana en Tiruchy, unha semana en Salem e logo dúas semanas máis co grupo do Vanakkam, que novamente este ano visita o proxecto. A revisión de informes pendentes e outros asuntos varios ocupa o noso tempo ata que cando me dou conta é de noite unha vez máis e corre o vento fresco, iso si, só fóra da casa.

De tsunami a marea negra?
Karaikal segue mantendo o seu espírito tranquilo de vila a carón do mar. Cando cruzamos a ponte decátome do cambio que vai acontecendo no rostro da xeografía. Dende o ano pasado desapareceron todos os trazos da antiga ponte, a que estoupou coa tsunami e que estará para sempre no meu recordo, xunto cos barcos que apareceron por dolorosa arte a 2 km da costa. Mais agora as liñas son rectas ata o mar, cos paseos tranquilos a carón das beiras e a promesa dun mar amigable ao final do paseo.

Intúo que as ameazas son outras, mais aínda non tiven tempo de avalialas. Polo menos as da última vez tiñan a forma dunha planta petrolífera a poucos quilómetros da costa e o “desenvolvemento” dun porto que recorda demasiado ás desgrazas cometidas en toda a costa galega. Cumpría non pasar dunha tsunami a unha marea negra, a verdade.

Chamada de benvida
Ao caer a noite recibo a chamada de Manimekalai, apurada aínda á saída dunha xuntanza coas autoridades do distrito para ver se pode convencelas para que apoien a súa nova idea de máquinas dispensadoras de compresas que fan as mulleres dos grupos de aforro que foron creando dende a universidade nas aldeas próximas. Abráiame a súa incansable loita e alédame a perspectiva de vela xa a semana que vén e volver ás nosas actividades favoritas: despotricar contra o patriarcado, atopar semellanzas entre aquí e alá e poñer en marcha cousas xuntas para cambiar tanta desfeita.

Crónicas anteriores:


2,2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: