Cita en clave electoral para o PSdeG, que coloca a Mar Barcón nunha secretaría de Organización con vocación de portavocía da executiva e converte a Ricardo Varela en novo vicesecretario xeral, para a pilotaxe do día a día da estrutura do partido. Touriño resumiu a meta: "Gañarlle ao PP".
Aínda insistía o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, na longa intervención coa que pechou o XI Congreso do partido, en que se estaba a vivir o momento de maior transformación do partido na súa historia. Con todo, o anunciado punto de inflexión, quedouse máis en recolocación da estrutura interna para afrontar mellor os desafíos preelectorais que en verdadeiro foro transformador.
A propia peneira realizada polo líder da formación pasou por riba dalgúns dos debates de contido máis interesantes que portas para dentro ocuparan aos delegados e expuxo unha imaxe baleira de grandes promesas programáticas e mesmo reiterativa nalgúns puntos, improvisando o lazo da novidade para propostas que en realidade xa están en marcha no Goberno.
E a sombra do Goberno sobre a vida do partido foi de feito unha das claves que animou a cita dos socialistas. Os máis aguerridos nesa lea foron os do pequeno grupo liderado por Gonzalo Caballero, sobriño do presidente da mesa deste congreso e alcalde vigués, Abel Caballero. Malia que a crítica, con lista alternativa incluída para os comités nacional e federal, quedou nunha presa de trinta votos (un chisco por baixo do 7% do total nos dous casos), non deixou de callar a idea de fagocitación dos despachos da administración sobre a vida da formación política. Unha denuncia que neste caso apuntaba tamén noutro sentido, o rancor que desde algúns sectores non ocultan fronte aos chamados independentes, ben porque saltaron directamente aos cargos sen o carné ou porque acaban de estrealo.
Touriño no pico e Varela na pa?
Parafraseando ao propio Touriño, que para bater no PP gusta nas últimas semanas de falar de que "hai uns que lle dan moito ao pico e outros á pa", trasladada a idea ao cotiá do partido, Varela aspiraría a permanecer como o da pa, o home poderoso no día a día do partido. Nese sentido a compatibilización do seu cargo na secretaría de Organización e á vez na Xunta como conselleiro de Traballo, desaparecerá da vista, malia que con probabilidade poderá seguir manténdose na vida interna do PSdeG.
Deste xeito, o home de Xosé Blanco en Galiza consegue o posto equivalente ao que en Madrid recibiu o de Palas de Rei no último congreso do PSOE. Así, Ricardo Varela é desde esta fin de semana vicesecretario xeral do PSdeG. Mentres, o seu posto anterior pasa a ser ocupado pola coruñesa Mar Barcón. Está por ver como se traduce na práctica este cambio, e se Barcón remata por asumir na práctica o labor de zapa, diplomacias e equilibrios que tradicionalmente representou o cargo ao que accede.
En principio, a edil herculina deixará proximamente o seu asento no Concello, mantendo probablemente o escano no Parlamento, e asumirá dobre tarefa no seu novo cargo. Por un lado, asumir na práctica unha condición de voceira, que de feito era inicialmente a denominación do posto no caso de que Varela renunciase ao convite á vicesecretaría. Doutra banda, ser azoute dos rivais políticos nuns meses onde se acenderán os debates e arrebolarán golpes a todos os os lados das trincheiras políticas. De verbo áxil e avezada na dialéctica parlamentaria, Barcón protagonizará así a posición do partido cara ao público de xeito habitual.
A provincialización, á volta das eleccións
A resolución do escenario interno dependerá tamén de como se configure na práctica a vicesecretaría coa que sae Varela do congreso, un posto inexistente até o de agora na estrutura, pero cuxa relevancia podería depender tamén das loitas pendentes, nomeadamente a estrutura provincial, guerra adiada até a volta das próximas eleccións.
A nivel local, os centros outrora de poder na Coruña, Lugo e Santiago, viron desaparecer os seus respectivos rexedores da primeira liña. Na inercia do retroceso electoral e os reequilibrios internos, Xavier Losada, Sánchez Bugallo e Orozco quedaron fóra da executiva. O contraste con esa caída aparece no ascenso de dous puntais próximos ao touriñismo. En Ourense medra a forza construída arredor do alcalde Francisco Rodríguez, e desde Ferrol chega Vicente Irisarri.
Mentres, na procura de cotas internas, destacouse a combatividade do líder do PSOE ourensán e conselleiro de Medio Ambiente, Manuel 'Pachi' Vázquez, quen ademais contou nas dúas xornadas coa máis acendida entrega dos seus fieis á hora de bateren palmas cada vez que era pronunciado o seu nome no plenario. Abrollando como un dos aspirantes ao liderado socialista se no futuro as circunstancias llo facilitan, do seu pulso con Touriño na confección da lista saíron damnificados entre outros do seu bando Miguel Fidalgo e do contrario Pablo López Vidal.
Comisión permanente
O novo órgano que pilotará a estratexia do partido de xeito máis estreito será a comisión permanente. Reunirase quincenalmente. Está composta por unha ducia de membros da executiva. Incluirá ao propio Emilio Pérez Touriño, a Ricardo Varela, a Mar Barcón, Antón Louro (secretario de Política Institucional e Relacións Parlamentarias), a Manuel Vázquez (secretario provincial de Ourense e tamén da área de Cambio Climático e Desenvolvemento Sostíbel), María Xosé Caride (secretaria de Economía e Territorio), Beatriz Sestayo (secretaría de Liberdades Públicas e Dereitos Cidadáns), e aos outros tres secretarios provinciais: Moisés Rei (A Coruña), Modesto Pose(Pontevedra) e Luís Anxo Lago Lage (Lugo).
Consello Territorial
Presentado como órgano de "análise político e de proxección de ideas". Reunirase apenas un par de veces ao ano. Incorpora as diversas cotas de poder territorial e institucional. Neste foro estarán os actuais tres ministros de orixe galega, Elena Salgado, Elena Espinosa, e César Antonio Molina. Os alcaldes socialistas das seis cidades (Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Santiago), e a tenente de alcalde de Pontevedra. Tamén o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández, e os respectivos presidentes da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro e d'A Coruña, Salvador Fernández Moreda. Completarán a xuntanza os catro secretarios provinciais do partido e os voceiros parlamentarios no Congreso, Antón Louro; no Senado, Carmela Silva, no Parlamento, Ismael Rego, e no Parlamento Europeo, Antolin Sánchez Presedo.
O Congreso en frases
-"Tres anos despois da eleccións do cambio xa ninguén bota de menos en Galicia ao Partido Popular (...) Estamos cambiando Galicia, actuando de xeito transformador, sobre unha Galicia que necesitaba, e que necesita cambiar". Emilio Pérez Touriño
-"É un Congreso no que o PSdeG se posiciona como un partido galeguista, federalista, comprometido co noso país e como un instrumento para os cidadáns". Ricardo Varela.
-"Levo 23 años militando no PSOE, así que levo aquí a metade da miña vida e non só é o lugar onde están os meus valores, tamén onde están os meus amigos e compañeiros". Mar Barcón
-"O PSdeG-PSOE é un partido preparado para ganar as vindeiras eleccións autonómicas, porque reúne as condicións dunha forza ganadora cun programa co que se identifica unha crecente maioría social, e unha militancia con ganas de transmitirllo á sociedade". Emilio Pérez Touriño.
-"A elección dunha muller para este cargo é unha boa noticia para as mulleres galegas, na liña do que o socialismo ven facendo en todos os lugares onde goberna". Mar Barcón.
-"As catro comisións que debatían as cuestións de modelo de partido, políticas sociais, políticas económicas e de infraestruturas aprobaron boa parte das emendas que presentaban os compañeiros, de feito, non pasou ningunha ao pleno, posto que se pactaron previamente cun talante moi positivo". Ricardo Varela.
-"O próximo xoves, na xuntanza con José Luis Rodríguez Zapatero, teño a seguridade plena de que se confirmará o compromiso investidor e a garantía de que o AVE chegará en 2012". Emilio Pérez Touriño.
-Engádegas para a Touripedia: houbo tempo abondo para engadir gloriosas pezas á galería de cómicas equivocacións dialécticas do líder dos socialistas, pero unha destacou sobre as outras. No momento en que saudaba o convidado dos socialistas vascos, Rodolfo Ares, no canto de acordarse de Patxi López, expresoulle ao representante do PSE que "este país agarda ver como lehendakari a Pachi Vázquez".
Máis información: