Sen votos en contra e con só unha ducia de papeletas en branco, Emilio Pérez Touriño reedita a vitoria obtida por vez primeira hai dez anos en Ourense.
Sen candidatura alternativa, os 456 delegados que se achegaron até o Pazo de Congresos de Compostela a deixar o seu voto na tarde deste sábado, decidiron como era previsíbel que Emilio Pérez Touriño continúe como secretario xeral do PsdeG-PSOE. Só 12 votos apareceron en bracno, o 2,63% das papeletas emitidas.
Será a cuarta vez que Pérez Touriño revalide o cargo desde que en 1998 e no congreso extraordinario naquel entón celebrado en Ourense, saltase ao liderado do partido, despois da saída do daquela dimitido Francisco Vázquez.
Na mesma xornada os delegados aprobaron unanimemente a xestión dos órganos de dirección do partido. Desta volta, sen votos en contra nin abstencións. Tamén o 100% avalou a xestión do Comité Nacional e da Comisión de Contas.