Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XI Congreso do PSdeG-PSOE

A aspiración maioritaria e o poder dilúen a poxa interna no PSdeG

Coa guerra da provincialización adiada, Blanco concede tregua a Touriño e apenas o tirapuxa da nova executiva anima o debate. Varela, Barcón e Louro, abrollan como claves para o temón principal do partido.

R.Noguerol - 09:00 27/07/2008

Unha cita en clave electoral. Así se entendería o visto na primeira xornada do XI Congreso do PSdeG-PSOE. Os socialistas galegos deseñaron este encontro como unha primeira peza dun proxecto de márketing na carreira cara ás vindeiras eleccións, aínda por fixar, pero seguros de que terán o poder decisorio á hora de marcar a axenda.

A man crecente de Xosé Blanco sobre o partido en Galiza agardará ao proceso de provincialización para arrepañar coas cotas clave coas que aspira a dominar os resortes da formación. Mentres, a Emilio Pérez Touriño foille confirmada unha tregua estratéxica con protagonismo especial nunha precampaña que, ao xeito de campañas anteriores, se pretende moi centrada na súa propia figura, co vento a favor das siglas do PSOE empuxando unha vez máis se a crise económica non recorta a estrela zapaterista.

Nese contexto, Pérez Touriño estivo disposto a concederlle ao considerado home de Blanco en Galiza, Ricardo Varela, o posto de vicesecretario xeral, a semellanza do acadado por aquel en Madrid. Así e todo, e dada a indefinición da propia estrutura executiva dos socialistas, non está claro que este sexa o modelo cobizado polo grupo de Varela a curto prazo, xa que implicaría a cesión da secretaría de Organización, efectiva até o de agora no traballo de marcarlle o paso ao touriñismo.

Novo protagonismo da executiva, con portavocía para Barcón
Nesa posibilidade xurdiu o nome de Mar Barcón, deputada e concelleira na Coruña, como nova secretaria de Organización. Sería con todo unha visualización externa do protagonismo sen unha repartición clara de equilibrio de poderes na realidade do día a día interno. Antón Louro, segue á fronte do apartado de Relacións Institucionais. Con Louro manteríase o amplo protagonismo para un home profundo coñecedor dos mecanismos internos do partido, que xa pilotou hai anos desde a propia secretaría de Organización, e a estabilidade cara a provincia de Pontevedra, especialmente importante en clave electoral.

Alén da entrada de Barcón na executiva, destaca tamén a chegada doutras dúas mulleres. Por un lado a deputada ferrolá Beatriz Sestayo, que gañou protagonismo xa nos últimos meses no propio proceso precongresual á hora da elaboración dos documentos políticos cos que o partido chegou a esta cita. Doutra volta a considerada máis próxima ao propio Touriño, a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, que levará o temón da mesma área no interior do partido.

O problema da interlocución e o fortalecemento do partido
Con todo, o de Caride sería exemplo das suspicacias abertas a nivel interno. A súa cota de poder no Goberno e a súa inicial condición de independente, foran un dos obstáculos que tensara a relación do touriñismo co partido nos últimos tempos. O seu desembarco no partido non está exento de certo grao de inoperancia á hora de moverse no día a día das relacións cos sectores locais. Alén do pequeno pulso do grupo de delegados vigueses encabezados por Gonzalo Caballero, non é casualidade que entre as escasas voces críticas que puideron escoitarse nesta primeira xornada estivera a dun alcalde que, de xeito directo, criticou os problemas para ser recibido nalgunha consellaría socialista.

A opinión deste rexedor é de feito a manifestación máis pública dun sentimento confesado desde outros sectores e delegacións do PSdeG, onde malia non sumarse formalmente á alternativa crítica antes comentada, si comparten a reflexión dos reproches fronte ao poder dos independentes na formación. Nesa liña, non está claro como se vai resolver a demanda de fortalecemento de partido e estruturas. Malia que Touriño admitiría internamente a petición de maior autonomía desde a estrutura do partido fronte ao poder saído dos despachos da Xunta, a realidade práctica do PSdeG-PSOE non parece ir parchear ese conflito a curto prazo.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: