Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á porta do congreso

Sectores do PSdeG renegan dos socialistas sen carné

Militantes vigueses organizan a queixa interna fronte ao crecente poder no partido dos considerados "independentes".

Redacción - 17:15 24/07/2008

"O Goberno non debe substituír a vida no partido", explica Gonzalo Caballero, ex concelleiro socialista en Vigo. Caballero é voceiro do grupo de militantes da cidade que pretenden facer público entre o conxunto dos membros do PSdeG este debate, aproveitando o congreso que o partido vai celebrar esta fin de semana.

Con esa fin deseñaron un documento político baixo o lema "Fortalecendo o socialismo galego, impulsando o cambio político en Galicia", consensuado xa entre 25 delegados que asistirán ao congreso. Así, un dos obxectivos nesa cita será difundir o manifesto e sumar o maior número posíbel de adhesións. Os promotores pretenden deste xeito facer presión sobre a dirección do partido e afondar no que aseguran que debe ser "unha revitalización no debate das ideas, o pluralismo e a democracia interna e participativa".

Segundo se queixan, na actualidade o PSdeG estaría fiando en exceso a definición das políticas desenvolvidas a través da Xunta a persoas alleas ao día a día do partido. Por este motivo, piden potenciar o papel dos afiliados e apostar pola participación e o estímulo dos intercambios coas agrupacións municipais. Ademais, subliñan a necesidade de apostar máis por militantes cunha traxectoria política contrastada no canto de concederlle excesivo protagonismo aos "independentes" no deseño das políticas despregadas desde as administracións.


3,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: