Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Efectiva no mes de maio

Ian Paisley anuncia a súa dimisión como primeiro ministro norteirlandés

Abandonará tamén o liderado do Partido Democrático Unionista, aínda que seguirá sendo deputado.

Redacción - 12:20 05/03/2008

O reverendo Ian Paisley anunciou este martes a súa dimisión como primeiro ministro norteirlandés e como líder do Partido Democrático Unionista (DUP), aínda que seguirá sendo deputado da Asemblea de Irlanda do Norte.

Paisley, de 81 anos e que leva case catro décadas á fronte do DUP, indicou que fará efectiva esa renuncia en maio próximo e xustificou a súa decisión pola presión crecente no seo do seu partido para que se manteña aparte.

Nos últimos días especulárase con esta posibilidade, debido ao descontento causado nas filas da formación polo nomeamento de Ian Paisley junior, fillo do veterano dirixente, como membro do Consello da policía norteirlandesa, informan as axencias.

A dimisión do reverendo producirase xusto un ano despois de que este chegase a un acordo co Sinn Féin, para encabezar un goberno autónomo norirlandés, de poder compartido entre católicos e protestantes, á beira do número dous dos republicanos, Martin McGuinness.

Sucesión
En relación ao seu sucesor, todo indica que o elixido podería ser Peter Robinson, aínda que Paisley desmarcouse da elección porque "isto non é a Igrexa de Roma". "Esta non é unha sucesión apostólica e eu non teño dereito a dicir quen me sucederá", afirmou.

"Sexa quen sexa, vai ter o meu apoio e ánimo, e se quere tomar o meu consello, vaino ter se o pide, mais non ficarei sentado como Vladimir Putin en Rusia dicíndolle ao presidente por aí é por onde tes que ir".

Coñecida a nova, Martin McGuiness gabou a figura de Paisley polo seu papel na consecución do poder compartido para Irlanda do Norte. Ao seu xuízo, a "decisión histórica que tomou de formar goberno co Sinn Fein cambiou o curso da historia irlandesa para sempre".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: