"Chegou o momento da paz", dixo Guinnes. "É unha nova era política", indicou Guinnes. "Isto é unha lección para calquera lugar en conflito", subliñou Blair.
"Se alguén me dixera hai tempo que estaría aquí e pronunciando este xuramento, non lle crería", recoñeceu o unionista Ian Paisley. O reverendo que liderará o novo goberno do Úlster foi durante moito tempo exemplo de discurso de enfrontamento e responsábel do bloqueo do proceso de paz en numerosas ocasións clave. Desta volta, o tamén líder do DUP, botou man de cita bíblica e manifestou que "hai un tempo para matar e un tempo para curar, un tempo para a guerra e un tempo para a paz".
O crego que asume desde esta semana o cargo de primeiro ministro apuntou ademais que "non sempre podemos conseguir o cento por cento do que aspiramos, polo que hai que estar ledos co gañado e tirar para adiante".
Á súa beira, Martin McGuinnes, líder local do Sinn Féin e ex integrante do IRA, quen é desde agora viceprimeiro ministro, subliñou a aposta pola paz no Úlster e louvou o proceso negociador das últimas semanas, que cualificou de "civilizado" e "construtivo". De paso, McGuinnes aproveitou para lembrar que o Sinn Fein segue confiando nunha "Irlanda unida" a medio prazo. "O camiño que collemos terá moitas curvas, pero é o que escollemos e hai que ser realistas e mirar á fronte", indicou McGuinnes, "os irlandeses votaron por unha nova era política baseada na paz e a reconciliación".